Setembro é o mes de Marta Dacosta na nosa Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas e, polo tanto, a ela vai adicada este mes a nosa campaña de difusión das nosas escritoras Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento… Deixámosvos co fermoso texto que nos adicou.

Se me fixo ben, teño a pel da miña avoa Saladina, reseca polo frío e o xeo do peixe, ordenado como lingotes de prata en húmidas caixas de madeira destinadas á exportación. Polo que contan, tamén algo do carácter da tataravoa Rosa, afeita a tomar as súas propias decisións e levalas a termo, custase o que custase, avanzando por un camiño que só hoxe comprendemos. A miña nai foi a miña primeira mestra, e dela aprendín tamén que as mulleres precisamos construírnos como seres libres, acadando a independencia económica, até gobernarnos por nós mesmas. Ela non lera a Rosalía, nin a Virxinia. Eu cheguei aquí, aínda con tanto por percorrer, porque elas pasaron horas e horas colocando peixe, facendo caldo para quen tivese fame ou cosendo redes, mentres silenciosas imaxinaban outro mundo para as súas fillas.
Marta Dacosta


