Comezamos novo ano e comezamos nova campaña de visibilización e valoración das nosas mulleres de diferentes edios culturais a través da nosa Axenda Feminista. Se no 2012 foi a quenda das músicas e no 2013 das escritoras, o 2014 é o ano das teatreiras. Non nacín para ser domesticada é a campaña que nos acompañará os próximos 12 meses, adicando cada mes a unha actriz ou directora de teatro.
Inauguramos o ano e a campaña cunha grande como Pilar Pereira. Deixámosvos o texto e a foto que nos enviou para Axenda Feminista 2014 Teatreiras Galegas.
 	
O feito de ser muller veu comigo de nacemento. O feito de querer selo, de asumilo, unha sorte.
Sucedeu cara aos meus trinta anos, e desde entón sempre estiven orgullosa do meu xénero feminino.
Imposible que non me defina e sexa na realidade feminista. Este feito funo desenvolvendo ao longo da miña vida coa sorte engadida de ser mai de tres fillas.
Como profesional deste complicado oficio, o teatro, coido que tamén exercín, ás veces en silencio e outras con moito ruído, a defensa sempre necesaria da muller; asunto que por moito que avance, nunca está no seu lugar.
As tres obras de teatro que escribín e estreei falan non só da muller, senón tamén a partir da muller, das súas ideas, dos seus pensamentos, dos seus desexos. Todas sabemos dos pouquísimos papeis que na dramaturxia existen para as mulleres, e case sempre estas mulleres teñen dono. Son fillas, esposas, secretarias, prostitutas, etc.
Esta postura feminista, esta loita, temos que facela chegar á nosa profesión. Por isto, a existencia dun grupo de mulleres, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, que dedica unha axenda aos distintos oficios das mulleres, fai que non dubide en colaborar con moito agrado neste proxecto.
Un agarimoso saúdo.
Pilar Pereira
 
					

