O pasado xoves 1 de marzo tivemos, na Casa das Letras de Ribadeo, a presentación do último libro de Carme Adán “Cartografías do derrubo. Escribir ao xornal” (Difusora, 2011). O libro é unha compilación de 109 artigos de igualdade, economía e cultura que a autora foi publicando no extinto Xornal de Galicia. No acto, no que interviron Carme Adán, Xavier Paz (director editorial de Difusora de Letras, Artes e Ideas), Luísa González (Presidenta do Observatorio), Mari Luz Álvarez (concelleira de Igualdade e Cultura do Concello de Ribadeo) e Lucía L. Bayo (xornalista), aproveitamos para reflexionar tamén sobre xornalismo, política e mulleres.

Tras máis de dúas horas de agradábel coloquio quedou claro que aínda hoxe en día, en pleno século XXI, non hai apenas mulleres articulistas de opinión nos xornais. Son os homes os que seguen a crear a opinión pública. De feito, hai un dato curioso e é que de 60 artigos de opinión que se publican nun día entre as dez cabeceiras galegas só 5 ou 6 deses artigos están escritos por mulleres. É que non hai mulleres xornalistas que queiran escribir e mostrar a súa opinión?
Tanto Carme Adán como Lucía L. Bayo, quen foi xefa de opinión no citado Xornal de Galicia, sinalaron que as mulleres políticas seguen a non ser recoñecidas en condicións de igualdade respecto aos homes. Na maioría das veces teñen que demostrar e se lles esixe moito máis, ademáis de que están expostas a un escrutinio sobre o seu peitado ou a súa vestimenta nos diferentes actos. Incluso que unha muller en política se dedique a igualdade se segue a ver como ese gueto ou cota que hai que cumprir.
Segundo Carme Adán, o recoñecemento das mulleres políticas está bastante mal repartido. Teñen espazo – de feito agora no Parlamento Galego agora mesmo hai máis mulleres que homes – pero non son tan recoñecidas socialmente coma eles e os méritos curriculares non se valoran por igual. En palabras de Carme, “sobrevivir en política ás veces pasa por intentar parecerse máis ao home, por masculinarse. E isto é un problema porque así non se pode transformar a política”




