Con motivo do Día Internacional das Mulleres, e enmarcado dentro da campaña nacional “Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos“, o Observatorio participou xunto con outros colectivos na mesa redonda que tivo lugar o martes 6 de marzo na casa do lavadoiro de Ribadeo sobre “como afecta a crise aos servizos públicos“. Interviron Paz Ramil, traballadora social do centro de saúde de Ribadeo; Loli García, da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, e Elena Samartino, da Asamblea de mestras e mestres de Burela, quenes nos deron as claves dos recortes que se están a facer nos servizos sociais, na sanidade e en educación.

Quedou en evidencia que as políticas que está levar o actual goberno autonómico e estatal deixan ás mulleres, estean ou non empregadas, nunha situación dificil. A conxelación do salario mínimo perxudica moito máis a mulleres a homes, xa que son elas en moita maior proporción as que gañan menos que o salario mínimo. Ou o aprazamento nas melloras da pensión de viudedade tamén é algo que afectará máis significativamente ás mulleres. Por non falar da moratoria na posta en marcha da lei de dependencia, o que supón unha carga adicional de traballo para as mulleres xa que son elas as que adoitan asumir as tarefas de coidados de persoas dependentes. Os recortes realizados na financiación da Lei de Dependencia en Galiza reduxo ao 30% a súa aportación a novas prestacións, o que paralizou o desenvolvemento da mesma e incluso o futuro da propia lei. Tamén se puxo de manifesto a supresión das axudas a cotitulariedade das explotacións agrarias ou a desaparición do programa Arlinga de axudas ás mulleres redeiras.
Os recortes na sanidade pública tamén son moi significativos e afectan en maior medida ás mulleres posto que hai estudos que demostran que as mulleres temos moitas máis enfermidades crónicas e, polo tanto, tamén acudimos máis ás consultas médidas. Entre as medidas que xa se están a levar a cabo cómpre destacar o abandono do Plan de Mellora de Atención Primaria, que tiña previsto invertir 62 millóns de euros en catro anos para resolver a masificación das consultas. Tamén é salientabel a reducción a límites escandalosos da subsitución do persoal de baixa ou de permiso ou a dificultade que existe, para as persoas inmigrantes, o acceso á tarxeta sanitaria.
Outras medidas que se esperan na sanidade, por repetidamente anunciadas, son o copago nalgún tipo de prestación sanitaria (o que afectará máis ás mulleres se, tal e como está demostrado, temos unha peor saúde e máis enfermidades crónicas), a reducción de servizos e o cambio no mapa sanitario que pode traer consigo a centralización de certos servizos en grandes hospitais e a desaparición dos mesmos en pequenos hospitais.
É necesario , polo tanto, sacar á luz toda esta información e que a cidadanía sexa consciente dos recortes que o goberno está levando a cabo e que afectarán a homes e mulleres pero, por mor das desigualdades esistentes, dun xeito especial ás mulleres. É preciso, nestes momentos máis ca nunca, xuntar forzas e unirnos todas e todos para loitar polos nosos dereitos. Por iso, os invitamos a acudir o próximo domingo 11 de marzo á manifestación nacional que terá lugar en Compostela ás 12.00h desde a estación do tren até a praza da quintana. MULLERES GALEGAS EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS!


