O pasado sábado día 10 de marzo, con motivo do cuarto aniversario do Observatorio de andaina feminista pola Mariña e enmarcado tamén no Día Internacional das Mulleres, tivo lugar na Escola de Rinlo unha homenaxe ás mariscadoras de Rinlo. Estamos acostumadas a que as homenaxes, moitas veces, sexan a persoas xa recoñecidas socialmente ou a grandes nomes, e dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade parecíanos moi importante recoñecer a labor e o traballo de persoas que son fundamentais para as comunidades nas que viven, para as súas veciñas e veciños, para a súa familia e para o seu entorno. O colectivo de mariscadoras de Rinlo pareceunos o exemplo perfecto diso xa que co seu traballo, duro e constante, fixeron posible o desenvolvemento de Rinlo a nivel social e económico, e foron e son un píar fundamental para as súas familias. Afeitas como estamos a que as mulleres do mar sexan noticia ou se fale do risco do seu traballo cando hai unha desgraza, dende o Observatorio pareceunos de xustiza valorar, dende os nosos humildes medios, a historia e o traballo de todas estas mulleres para mostrarlles o noso cariño e a nosa admiración

 

No acto, que tivo lugar ás 18.00h e no que se encheu a Escola de Rinlo, interviron Adela Figueroa, escritora que lles adicou o poema “A armada da Ribeira ás mariscadoras;  Celsa Sánchez, ilustradora que agasallou ás mariscadoras cunha das súas obras da que podedes ver a foto aquí; e Pilocha, que pechou o acto adicándolles ás mulleres mariscadoras uns temas

 

A ARMADA DA RIBEIRA

Amanha quando cantes na ribeira

Como adoitas facer nas alvoradas

Pressentirei na tua alma atormentada

O brincar do lume na lareira

 

Porque as chamas ardentes vao aquecendo

Os coraçoes das mulheres mergulhadas

Nas areias pretas, as pernas sempre molhadas

Na friagem dos lameiros de fétidos recendos

 

Multicolor exército de dobrado lombo

Na procura da vida agachada nas areias

Apresada nos “croques” como bombos

 

Darás gosto manha a paladares exigentes

Ignorantes e cegos de tantas pernas

E de pés amolecidos no salseiro das correntes

 

 

                 

                 

Síguenos nas redes:

Share This