Por fin podemos desvelarvos un proxecto no que levamos xa dous anos traballando: o TRIVIAL FEMINISTA!, un xogo coeducativo por canto participa dun método de educación baseado no principio de igualdade entre mulleres e homes e da non discriminación por razón de sexo.

 

 

No ano 2010 o Observatorio levou a cabo o estudo Actitudes de xénero no profesorado e alumnado da Mariña. Claves para unha escola coeducativa, no que se evidenciou a necesidade de pór en marcha actividades nas que alumnado e profesorado se implicasen dun xeito claro, e a través das cales se puidese afondar no coñecemento do feminismo e das achegas das mulleres de todo o mundo ao desenvolvemento das sociedades ao longo do tempo. Xustamente con esa vontade xurdiu a idea do Trivial Feminista, un proxecto impulsado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade pero que foi posíbel grazas ao traballo inicial do profesorado e alumnado de distintos centros mariñáns, pois foron elas e eles quen dedicaron horas de titorías a investigaren desde unha perspectiva feminista sobre a Arte e Literatura, a Cultura e Espectáculos, a Xeografía e Historia, as Ciencias e o Deporte como un primeiro paso para discorreren as preguntas e respostas deste Trivial. O obxectivo deste proxecto colectivo e participativo é, xa que logo, o de visibilizarmos e pórmos en valor as achegas e logros das mulleres de distintos recantos do planeta e de distintos períodos históricos, denunciando a súa frecuente marxinación en todos os eidos do coñecemento humano e das sociedades. A posta en valor destes debates e figuras acaladas é en si mesmo un obxectivo feminista, por canto implica avanzarmos cara a unha igualdade de xénero para favorecer que mulleres e homes poidan realizarse como persoas en liberdade e igualdade de condicións.

 

 

 

Como asociación impulsora deste proxecto, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos trasladarlle a nosa máis fonda gratitude ao profesorado e alumnado dos Institutos de Ensino Secundario da comarca que se prestaron a colaborar no proxecto, mostrando un esforzo continuo: IES de Alfoz, IES de Foz, IES Perdouro de Burela, IES  Monte Castelo de Burela, IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, IES Porta da Auga de Ribadeo, IES Marqués de Sargadelos de Cervo, IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Vilar Ponte de Viveiro e finalmente o IES Illa de Sarón de Xove. O noso agradecemento tamén á Obra Social de La Caixa, entidade financiadora deste proxecto a través da convocatoria de axudas para Proxectos de Acción Social, convocatoria de 2011.

 

 

 

 

 

O Trivial Feminista conta cun total de 200 tarxetas con 1000 preguntas e respostas: 200 de Ciencias, 200 de Xeografía e Historia, 200 de Arte e Literatura, 200 de Deportes e 200 de Cultura e Espectáculos. Entre as preguntas que se poden atopar no xogo hai un bo número delas referido a mulleres galegas nas distintas categorías e, por suposto, da Mariña de Lugo, como por exemplo En que vila da Mariña lucense naceu a artista Maruxa Mallo en 1902? (Viveiro); Como se titula o libro co que Eva Moreda gañou o X Premio de Narracións Xuvenís Rúa Nova no ano 1997?(Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota); Que poeta, filóloga e ensaísta nacida en Ribadeo  tivo que figurar como subdirectora (e non directora) da revista Nordés, polo feito de ser muller? (Luz Pozo Garza); En que distancia foi tres veces campioa mundial a atleta ribadense Ana Ferradás? (100 km); Que vila lucense organizou en 2011 a Copa de España de Fútbol Sala Feminino? (Burela) ou Que música galega creou no ano 2000 o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín? (Ugia Pedreira).

 

O Trivial Feminista ten un prezo de 40 euros (35 euros para as persoas socias do Observatorio). Se non queres quedar sen o teu Trivial Feminista, podes reservar o teu exemplar enviando un mail a observatorioigualdade@gmail.com ou no teléfono 627.037.668.

———————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————————-

O Trivial Feminista é unha iniciativa do Observatorio da Mariña pola Igualdade

Colabora: Obra Social La Caixa (Proxectos de Acción social 2011)

Deseño e maquetación: Marcelino Cageao e Diego Núñez

Textos: Observatorio da Mariña pola Igualdade xunto cos IES de Alfoz, Foz, Perdouro e Monte Castelo de Burela, Dionisio Gamallo Fierros e Porta da Auga de Ribadeo, Marqués de Sargadelos de Cervo, San Rosendo de Mondoñedo, Vilar Ponte de Viveiro e Illa de Sarón de Xove.

O Trivial Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade rematou de elaborarse no mes de novembro do ano 2012. As preguntas e respostas recollidas no xogo son válidas no momento de impresión. 

Síguenos nas redes:

Share This