Como ben sabedes o pasado venres 5 de abril tivo lugar a presentación de Feminismos (Ed. Xerais, 2013), de Olga Castro e María Reimóndez, na Casa das Letras de Ribadeo. Recén saído do prelo, tivemos a sorte de contar para a presentación de Ribadeo con Olga Castro, a nosa vicepresidenta, amiga e compañeira de batallas. Unha presentación diferente, participativa e dinámica na que o público (moito e moi variado, con xente moza incluída!) tivo case tanto protagonismo como a propia autora

 

 

Olga Castro presentounos un libro que ten por obxectivo dar a coñecer a importancia dos feminismos como teoría política ou movemento social que máis ten transformado as estructuras sociais para mellorar a vida das persoas.  Un libro que pretende rachar mitos como o de que “o feminismo é igual ao machismo pero ao revés. Un libro que é capaz de abrirnos os ollos á rica biodiversidade real dos feminismos no mundo, e non á tan manida dicotomía occidental do feminismo da diferenza fronte ao feminismo da igualdade

 

Esta obra de espíritu enciclopédico ven a ser un libro divulgativo, escrito nunha linguaxe amena e dirixido a un público non especialista. Unha obra básica para calquera persoa que queira saber que significa realmente ser feminista e coñecer a pluralidade, a riqueza e a diversidade de respostas e accións coas que os feminismos combaten o sistema patriciarcal, aquí en Galiza ou en Xapón, China, India, América Latina ou a África subsahariana

 

Ademais, o libro contén un índice analítico que vos facilitará moito o labor á hora de buscar ou saber máis sobre termos concretos. Veo occidental, Guantánamo, ciborg, nacionalismo e feminismo no terceiro Mundo, sororidade ou mito do orgasmo vaxinal. Queres saber máis? A que agardas para facerte co teu exemplar?

 

Para máis información, tedes entrevistas coas autoras nestes enlaces. Aquí con Olga Castro e aquí con María Reimóndez

 

              

              

Síguenos nas redes:

Share This