Libros das nosas escritoras. Libros de mulleres. No Observatorio comezamos oficialmente as actividades do 2013 o pasado venres 8 de febreiro e que mellor que facelo con libros. E máis no ano no que adicamos a nosa Axenda Feminista ás nosas escritoras e Aurora Marco é unha delas (no mes de abril, por certo!, e non é casualidade).

Cunha longa traxectoria na recuperación da historia e dos nomes das mulleres, Aurora Marco presentounos na Casa das Letras de Ribadeo o seu último traballo “Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana” (Ed: Laiovento, 2012). Desta volta síntese – como di ela mesma – unha mera transmisora, xa que as memorias están escritoras pola propia Teresa Alvajar (que rematou de escribir con 88 anos) e foi Aurora quen insistiu en que se tiñan que facer públicas. En Memorias dunha republicana, Teresa Alvajar deixa escrita a súa historia. É, polo tanto, a autobiografía dunha loitadora da que Aurora se encargou da súa edición, tradución, introdución e das notas aclaratorias a pé de páxina. Esta edición tamén inclúe 2 anexos moi interesantes con material gráfico e documental da propia Teresa, que a súa neta se encargou de dixitalizar, e un terceiro anexo con material procedente do arquivo dunha sobriña de Teresa con material da nai de Teresa, Amparo López.
No acto tamén se proxectou un emocionante documental, Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola terra, de Pablo Ces, que de novo volve a recuperar a historia das mulleres como xa fixera no 2011 co seu documental Aa silenciadas, que acadou numerosos premios e recoñecementos, entre eles o Premio Mestre Mateo 2011 ao Mellor Documental.
Agredecémoslle desde aquí, de novo, a Aurora Marco o seu tempo e agardamos poder seguir dando a coñecer historias como a de Teresa, dando a voz a mulleres represaliadas que moito nos teñen que ensinar.




