O mes de maio da nosa Axenda Feminista 2012 “Daquelas que cantan“ está adicado a Mercedes Peón. Deixámosvos co fermoso texto que ela expresamente escribiu para esta axenda 2012!

Pídenme que fale da miña vida coma muller…
ÁS veces só son noticia polo meu xénero: discriminación positiva. Fuxo deses clixés aínda que me perxudique económicamente, por exemplo “muller gaiteira“. O 75% dos gaiteiros son mulleres, que clase de noticia é esa?. Só pode existir tal noticia se o prexuízo coa “muller” continúa a colocala nun clixé que a limita e a dilúe nun todo sen empoderamento persoal…compositora, produtora, empresaria, intérprete.
Pídenme que fale da miña vida coma muller…
Denuncia ou conciencia en toda a miña obra. Tema recorrente, historias posíbeis, contadas en feminino…para homes e mulleres. Xogo cos xéneros, troco de roles, intuicións do pasado…porque podo.
Pídenme que fale da miña vida coma muller…
Nacín no 67, escolariceime na fábrica de armas. Con boas notas non se me permitiu facer F.P. na propia fábrica por muller, iso foi minorización e ao mesmo tempo unha sorte.
No seo dunha familia obreira vivíase o barrio…machistas dende pequenos, machismo para o fútbol, o furbolín, nos deportes en xeral, insultos sexistas, eramos demasiado pequenos para ser culpábeis…herdanza.
Pídenme que fale da miña vida coma muller…foi unha vida coma calquera…muller.
Curiosa por natureza xa é sabido que percorrín aldeas e aldeas…
Nas culturas naturais a vida transcorre en comunidade, seguindo o ciclo do ano (natureza) e marcada polo labor (Hanna Arendt). Mulleres e homes participan sen guetos dunha vida en común, sistémica, ecolóxica, evolutiva. Ausencia de machismo. Descubrimento da matrilinealidade. Nos seráns e fiadas, mulleres e homes expresábanse cos mesmos códigos sen diferenzas por xéneros. Homes e mulleres tocaban a pandeireta aínda que, por cuestión de número, diríase que sobre todo as mulleres gardaban esa sabedoría e levaban a batuta nas festas. A estética non estaba marcada pola ausencia da forza, nin pola sensualidade. Mulleres e homes empoderados e creativos a un tempo…comunicación e evolución. Nin sequera podo introducir o concetpro “tolerancia“, só cabe convivencia. Sexualidade á vista, entendemento de calquera forma sempre e cando non magoe a comunidade. Respecto polo singular e a vida.
Pídenme que fale e falo…O machismo é unha realdiade artificial, é unha realidade do mundo. Civilizacións con preguiza, leis compensatorias…discriminación positiva, artificio, dobre moral. Sáiome do programa, disidencia liberadora…
Pídenme que fale da miña vida…e falo coma muller.
Mercedes Peón


