E como peche das actividades do mes de abril, adicado aos libros e charlas sobre a situación e a historia das mulleres, tivemos o martes 24 na Casa das Letras de Ribadeo a presentación do libro “Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña“ (Baía Edicións), de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez. Foi un privilexio contar coas autoras para a presentación do libro que, ademais, aproveitaron para facernos unha pequena presentación sobre a invisibilidade das mulleres na historia e na arte.

“A Historia das mulleres é indispensable e básica para lograr a emancipación das mulleres” (Lerner, G. Barcelona. 1990). Con esta cita de Lerner comezaron Guillermina e Felicia a súa exposición, afirmando que na Historia, e máis na de Galiza, queda moito por facer desde unha perspectiva de xénero. Co traballo que fixeron co seu libro “Tres mulleres galegas de armas tomar“, as autoras pretenden, desde unha perspectiva de xénero, chegar a todas as persoas para que teñan referentes históricos e coñezan figuras e acontecementos que permitan comprender o pasado desde unha perspectiva nova e construír un futuro máis xusto, equitativo e paritario.
Para as autoras “o que non se nomea remata por invisibilizarse, non ten presenza no cotián e é coma se non existise”. Segundo elas, e partindo da experiencia de ambas no ensino, “o relato case cronolóxico que se segue a facer da Historia no ensino parte dunha visión androcéntrica e polo tanto sesgada da realidade. Apenas se fala das mulleres como axentes activos do devis histórico”
É por iso polo que decidiron recuperar a historia destas tres mulleres, para rescatar aquelas historias vividas, aquelas vidas que poden contradicir o devir histórico. María Balteira, unha muller de familia con propiedades que no S.XIII decide rachar co destino que lle reservaba á súa condición feminina, que decide viaxar e deixar a súa terra, que se adica ao baile, a tocar a pandeireta, que vive nas cortes reais…Ou María Castaña, unha heroína que no S.XIV lidera unha revolta na cidade de Lugo contra o poder eclesiástico. E María Soliña, quen con dereitos de presentación, tan cobizados pola Igrexa Católica e a Santa Inquisición do S.XVII, foi acusada de practicar bruxaría.
Este libro é só o exemplo de tres mulleres, máis compre seguir deitando luz e difundindo as historias de tantas e tantas mulleres que nos precederon na nosa loita como María la Judía, Olimpia de Gouges, Mary Wollstonecraft, Josefa Amar y Borbón, Mrs. Pankhurst, Clara Campoamor, Federica Montseny, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal



