O mes de abril da nosa campaña 2012 DAQUELAS QUE CANTAN, está adicado á María Xosé Silvar, Sés. Deixámosvos coa foto que nos mandou e o marabilloso texto que ela mesma escribiu para a Axenda Feminista 2012 Daquelas que cantan.

“Debemos de gastar as nosas enerxías en tentar que toda muller tome conciencia de que si que existe unha batalla que loitar porque existe un sistema que se construíu e se perpetúa sobre a base da nosa opresión“. M.X. Silvar
A muller na música, como na vida, ten que demostrar o dobre que un home para que a valoren igual. Non é vitimismo, non é rebeldía sen causa, é a realidade.
Edúcannos para querer ser princesas e medrar submisas e maleábeis. É difícil crer en ti mesma e na túa música e tomar a dirección dunha banda cando a sociedade inflúe tan negativamente na túa credibilidade. Pero se negar a existencia de desigualdades é ridículo, caer na autonegación e no complexo é absurdo e contraproducente. Se queres, podes saír dese lixo da educación. Porque a opresión existe, mais tamén existe a libertación, só hai que loitar por ela individual e colectivamente.
María Xosé Silvar


