E co útlimo mes do ano, a nosa última reivindicación para o 2011: MEMORIA! Pola visibilización das mulleres na historia!

 

A crítica feminsita sobre a historiografía foi fundamental para cuestionar o suposto carácter obxectivo e neutro do que se presenta como a Historia, demostrando como as mulleres ficaron tradicionalmente excluídas deste relato oficial da humanidade, construído en base a unhas categorías conceptuais definidas por un carácter androcéntrico (como exemplo, a frecuente denominación da Ilustración comoSéculo das luces“, pois en realidade tivo luces para unha metade da poboación que puido ver recoñecidos os seus dereitos de cidadanía, mentres que para a outra metade da humanidade foi máis ben un século de sombras). Fronte a esta constatación, o feminismo insiste na necesidade de devolver as mulleres á historia e devolverlle a historia ás mulleres, isto é, promover unha reconstrución da memoria colectiva máis inclusiva que dea conta das contribucións das mulleres nas súas propias voces para así crear uns precedentes para xeracións futuras. Con este fin, nos últimos anos véñense realizando traballos non para difundir as achegas de mulleres extraordinarias cuxos logros permanecían na sombra (filósofas, científicas, matemáticas, pedagogas, etc.), senón tamén para reconstruír o papel das mulleres como grupo social na historia (desvelando por exemplo o seu papel no desenvolvemento da química, da medicina ou da agricultura), e para revalorizar a importancia de actividades consideradas tipicamente femininas

Esta recuperación do papel das mulleres na historia adoita a facerse en trabalos específicos, o cal abofé pode permitir corrixir as exclusións e outorgarlle visibilidade ás mulleres como xeito de contrarrestar que as compilacións xeralistas se centren en exclusiva na xenealoxía masculina, que presentan como universal. Con todo, esta metodoloxía compensatoria pode cnotribuír a afianzar aínda máis a idea de que as mulleres constitúen un gueto particular. É por isto que na actualidade segue sendo fundamental esixir que ao lado de estudos específicos que recuperen o pasado das mulleres, debe propiciarse que o enfoque de xénero impregne o relato da Historia en xeral, mencionando o papel das mulleres no período histórico ou na temática de contribución que lles corresponde en traballos xeralistas non dedicados específicamente ás mulleres

Síguenos nas redes:

Share This