E chegamos ao mes de novembro apostando pola erradicación da violencia machista!

 

A violencia contra as mulleres exércena os homes para impoñer relacións de poder e asegurarse os privilexios que a cultura patriarcal lles otorgou historicamente. Ten a súa orixe na desigualdade entre mulleres e homes e perpetúase mediante a asignación de roles, considerando un dereito o ser atendidos e coidados e ter poder de decisión sobre elas. Os costumes, as leis, a educación e socialización diferencial de mulleres e homes perpetuaron esta situación

A pesar de que ao longo da historia a violencia contra as mulleres permanecía invisíbel, actualmente, e grazas ás accións do movemento feminista, recoñécese socialmente e considérase un grave problema. Pero para moitas persoas esta violencia circunscríbese ás mortes, á violencia física grave e ás agresións sexuais, mentres non son capaces de recoñecer como violencia outros tipos de actos máis sutís como a violencia psicolóxica (a través de insultos, humillacións, ameazas, descualificacións, abandono emocional), a económica (que impide á muller o manexo dos seus cartos, o acceso á información sobre as contas bancarias, ou tomar decisións unilaterais sobre os seus bens), o acoso sexual no traballo (en forma de chantaxe, intimidación ou humillación para a muller), a imposición de roles e comportamentos, a reclusión no mundo doméstico, así como a violencia simbólica (que exercen, por exemplo, os medios de comunicación coas imaxes degradantes que transmiten das mulleres). 

Os estereotipos que persisten como verdades no discurso social (os mitos), e que se transmiten no medio social, familiar, nos medios de comunicación ou na publicidade, contribúen a ocultar estas formas de violencia e xustifican, en grande medida, aos homes agresores ao tempo que responsabilizan ás mulleres da violencia que sofren. Abordar a violencia contra as mulleres require un compromiso institucional, social e persoal para impedir que se tolere en calquera dos seus grados. 

Síguenos nas redes:

Share This