E comezamos o mes de outubro coa nosa décima reivindicación do ano: Xustiza! Polo cumprimento efectivo das leis.
O noso dereito foi espello dun escenario desigualitario cara ás mulleres. O sistema normativo de cada momento e en cada país contribuíu a lexitimar e perpetuar o papel das mulleres equiparándoas ao status da minoría de idade, subordinadas á autoridade de pais e maridos, sometidas a toda clase de restricións e privadas de dereitos políticos. No entanto, foi o ámbito lexislativo un dos campos nos que mellor se reflicten os pequenos logros feministas en canto aos dereitos das mulleres. Desde a primeira Constitución do Estado español, a de 1812, existe unha ausencia de recoñecemento das mulleres como suxeito de dereito, inclusive na etapa da constitución de 1868, considerada como progresista e revolucionaria. A partir de 1900 outórganse timidamente dereitos ás mulleres, como o dereito a exercer unha profesión no 1910, dereitos de coidado despois da maternidade, ou leis protectoras como a lei da Silla, que prohibe o traballo nocturno das mulleres nas fábricas e talleres pero que no fondo evidencia o paternalismo e dirixismo por parte do poder patriarcal que lexisla e goberna. A Constitución republicana de 1931 concede por primeira vez o dereito ao voto, ao divorcio, ao matrimonio baseado na igualdade xurídica entre home e muller, e tamén nesta etapa elabórase un proxecto de lei do aborto. Todos estes dereitos fican interrompidos coa ditadura, e só se restaurarían posteriormente coa Constitución vixente.
É certo que na actualidade as mulleres acadaron unha certa igualdade no trato igualitario dentro do ámbito xurídico-normativo, pero non un tratamento como seres plenamente iguais. E malia que as leis son fundamentais (pois dótannos dun soporte no que apoiarnos para esixirmos o cumprimento dos dereitos), cómpre ter presente que no plano da igualdade real ou material quedan aínda pendentes, como mínimo, dous retos. O primeiro é a consolidación destes dereitos, porque o seu logro non é sinónimo de permanencia ao longo do tempo (pódese perder tan axiña como se lograron). O segundo, que as leis existentes (aborto, corresponsabilidade, dependencia, etc.) se materialicen na práctica. En suma, “iguais nas leis, iguais na vida“.


