E antes de que remate o mes de setembro, o da volta ás aulas, vos deixamos coa nosa reivindicación para este mes: Coeducación! Por unha educación en igualdade!

 

O acceso das mulleres á educación constitúe unhas das primeiras demandas do feminismo, que desde os comezos vía na educación a peza clave para que as mulleres rexeitasen o papel pasivo e secundario que se lle outorgaba nas sociedades. Esta demanda segue a ter plena vixencia na actualidade, pois en termos xerais as mulleres constitúen dous terzos da poboación analfabeta mundial (600 millóns). 

De restrinxirnos á nosa contorna, porén, os séculos de loita feminista tiveron como consecuencia que na actualidade o dereito á educación estea consolidado, lográndose unha plena escolarización que se traduce en que tanto nenas como nenos como mozas e mozos decote comparten aulas, materias e profesorado en centros mixtos. Con todo, con moita frecuencia as institucións educativas convértense en (sutís) mecanismos transmisores e perpetuadores dos valores sexistas e androcéntricos, tanto a través dos contidos recollidos nos materiais educativos como a través do labor de intermediación que realiza o profesorado. Para avanzar cara a igualdade, xa que logo, non abanda coa plena escolarización, senón que se precisa unha escola coeducativa que eduque desde a aplicación do principio de igualdade, que evite expectativas de xénero diferentes por cada sexo e que desenvolva as capacidades de mozas e mozos sen nesgo sexista

Síguenos nas redes:

Share This