Seguimos coa nosa campaña 12 meses, 12 reinvindicacións. No mes de xuño o Observatorio lle din NON AO HETEROSEXISMO!
Pola liberdade de escolla sexual!
A crítica ao heterosexismo ou “heterosexualidade obrigatoria” é outro dos campos nos que se produciron importantes avances nas últimas décadas, grazas aos logros do feminismo en xeral, e do feminismo lesbiano en particular. Sen esquecer que nalgúns países a homosexualidade está aínda penada, o certo é que en época recente na nosa contorna déronse pasos moi importantes tocante ao recoñecemento dos dereitos dos colectivos de gais e lesbianas. Con todo, como o día a día se encarga de demostrar, a posición social das lesbianas segue a estar marcada por unha dobre discriminación: discriminación de xénero pola súa condición de muller (que comparten con todas as mulleres) sumanda ao rexeitamento e desvantaxe social que supón a súa escolla sexual (que comparten cos homes homosexuais). Esta dobre desigualdade social implica que as lesbianas ven con frecuencia como as súas demandas pasan a un segundo plano tanto dentro do feminismo, como tamén dentro das loitas do colectivo homosexual mixto, no que aínda se ve o lesbianismo como a versión feminina da homosexualidade masculina ou no que o protagonismo dos homes tende aínda a invisibilizar as súas problemáticas específicas.
A supresión dos estigmas en función da orientación e escolla sexual é imprescindíbel na construción dun mundo cunha cidadanía libre, e de aí que sexa preciso insistir na necesidade imperativa de articular vías capaces de dar respostas á problemática específica das mulleres cunha identidade lesbiana.


