E con maio chega a nosa cuarta reinvindicación do ano: VISIBILIDADE! por unha linguaxe non sexista que nos represente.
Pensamos con palabras e imaxinamos a realidade a través da representación cognitiva que facemos dela mediante a linguaxe. Desde hai xa varias décadas os feminismos desvelaron como a linguaxe que temos á nosa disposición nas gramáticas ou nos diccionarios adoita ser sexista (exaltando os logros dun só sexo e discriminando, minusvalorando e subordinadno os do outro) e androcéntrica (tomando ao home como medida das cousas e concibíndoo como sinónimo de universal). É por iso que máis alá das estructuras materiais e prácticas, a discriminación contra as mulleres existe nas auténticas bases do logos e do razoamento, e estas abranguen os sutís procesos lingüísticos a través dos que se produce o significado: a linguaxe inflúe na construción social do xénero pois dado que a nosa mente imaxina a realidade a través da linguaxe, a presentación lingüística dos sexos tería unha incidencia crucial na construción dos papeis sociais.
Como resposta a esta constatación, téñense proposto novas formas de expresión inclusivas coas que garantir que a linguaxe represente equitativamente a mulleres e homes. Estas propostas, porén, distan moito de teren sido adoptadas de forma unánime, e adoito podemos constatar como as mulleres temos que empregar unha linguaxe que nos invisibiliza. Dado que a linguaxe exerce unha labor primordial sobre a construción dos papeis de xénero, urxe adoptar formas de expresión que non reproduzan a perspectiva sexista da linguaxe considerada “normal”, senón que subvertan o sexismo lingüístico fornecendo novas construcións liberadoras dos papeis de xénero. Queremos unha linguaxe que nos nomee e nos represente!


