O Observatorio da Mariña pola Igualdade pecha o ano finalizando o proxecto “Dándolle a Volta”, que abordou nos diferentes IES da Mariña as desigualdades existentes entre homes e mulleres na sociedade actual. Para este proxecto, o Observatorio contou coa colaboración da Fundación Obra Social La Caixa, entidade que financiou parcialmente as actividades achegando 9.700 euros, con cargo á súa convocatoria de 2009 de proxectos de acción social.
Os obradoiros, pioneiros na comarca, constaron dun total de cinco módulos: a construción da identidade de xénero, os roles e estereotipos sexistas, a análise dos medios nos que nos socializamos, a violencia nas relacións e un último módulo dedicado á construción dun blog (www.dandolleavolta.blogspot.com) , por parte do alumnado, no que foron plasmando as súas impresións sobre o aprendido.
Un total de 9 IES da Mariña beneficiáronse dos devanditos obradoiros, entre marzo e maio e outubro e deembro de 2010, chegando a un total de case 600 alumnos e alumnas. Os IES participantes foron o IES Perdouro e IES Monte Castelo (Burela), IES Marqués de Sargadelos (Cervo), IES de Foz, IES de Alfoz-Valadouro, IES Dionisio Gamallo Fierros e IES Porta da Auga (Ribadeo), IES San Rosendo (Mondoñedo) e IES Enrique Muruais (A Pontenova). Cómpre sinalar que os IES Vilar Ponte (Viveiro) e Illa de Sarón (Xove) tamén mostraron interese en participar no proxecto pero a compatibilidade de horarios non foi posible. O obxectivo inicial do Observatorio de intentar chegar ao máximo de centros posibles viuse totalmente cumprido ao visitar a case a totalidade dos IES mariñáns.


