Un ano máis, un 25 de novembro máis, atopámonos na mesma encrucillada: unhas cifras desesperanzadoras, que non paran de medrar e que reflicten a perdurabilidade da violencia. Unha violencia que moitas mulleres sofren en silencio ante a impunidade de quen a provoca, violencia sen denuncia, violencia intempestiva, violencia que non cesa.

Durante séculos o mundo organizouse de acordo ás necesidades e conveniencias dos homes, actuando e pensando coma se a metade da humanidade formada polas mulleres carecera de importancia e significado. Na actualidade quedan moitos trazos desta tendencia histórica, que se inicia xa cando desde a infancia se marcan os roles masculino e feminino de forma inapelábel e que continúa cando as expectativas das mozas son posuír un bo corpo, unha boa dispoñibilidade e unha boa parella, cando no traballo resulta normal e habitual que as mulleres gañen menos que os homes, cando a relación de parella é de submisión e negación da personalidade da muller, cando nos medios de comunicación se suceden as imaxes de mulleres inferiores, invisíbeis, submisas e agredidas.
Nos últimos anos, a loita de mulleres e homes fixo posíbel que se vaian producindo algúns avances. Avances e conquistas que poden verse trucadas ante o momento xeneralizado de crise económica mundial que estamos a padecer. Baixo o paraugas da crise, e hai que dicilo claramente, agóchanse tamén de paso outros intereses, entre eles o de relegar a muller á situación anterior, a ese estatus no que parece que estamos tan acomodadas e que seguimos a loitar día a día por derrubar. Mulleres de novo ao coidado do fogar, ao ámbito da esfera privada, seres submisos ás ordes e ditados doutros, nun mundo elaborado e dirixido en masculino.
E seguindo coa crise, é a nova coartada para economizar, e coma sempre á custa da perda de dereitos das mulleres, escravizándonos unha vez máis a vivir en peores condicións, discriminadas. O goberno galego está a dar unha boa tesoirada. Ao desmantelamento iniciado coa supresión das oficinas de Igualdade e Benestar, do Servizo Galego de Igualdade, de centros como as Escolas Infantís (de novos proxectos e dos que xa estaban en marcha como era o caso de Ribadeo), Centros da 3ª Idade (temos o caso de Viveiro, aquí cerca que segue sen abrirse)… hai que engadirlle o recorte das partidas orzamentarias nun 79% nas políticas de protección á muller, o 80% dende 2009 dos programas de conciliación e case un 15% respecto ao ano pasado ano para a atención ás vítimas de violencia de xénero.
E por riba, esta semana, vén de paralizarse o proxecto de constitución dun Consello Galego das Mulleres, un instrumento que ía servir para rachar coa invisibilidade de todas as asociacións e entidades que traballan en contra da discriminación e das desigualdades que seguen a padecer as mulleres e dotalas así dunha canle institucionalizada de interlocución e de participación. A causa da violencia é a desigualdade e, polo tanto, visibilizar ás agrupacións que fan un traballo por facerlle fronte é tamén traballar contra esa eiva.
Queda por diante para nós un longo camiño de denuncia pública, de manifestacións, de debate intenso, de análise das situacións, que nos axuden a torpedear na liña de flotación este sistema patriarcal que sitúa as mulleres como categoría inferior. Tócanos facer unha denuncia constante das agresións e das causas polas que se producen. E tócanos loitar contra este inxusto mundo de dominación patriarcal, para subvertelo.
Porque queremos vivir nun mundo sen violencia de xénero, nunha Galiza sen violencia de xénero e nunha Mariña sen violencia de xénero.


