O Observatorio da Mariña pola Igualdade organizou a I Escola de Formación Feminista Corona González en maio de 2010. O Balneario Hotel de Lugo acolleu unha cita diferente para formación en cuestións de xénero e igualdade, en combinación coa relaxación e deleite dos beneficios das augas termais.

 

 

Cuestións tan actuais como a importancia do movemento feminista no mundo en Galiza, a saúde e a medicina, así como as violencias de xénero visíbeis e invisíbeis, centraron o debate e a reflexión. Os obradoiros formativos complementáronse con actividades de benestar relacionadas coas augas termais, e así as persoas participantes puidemos gozar de circuítos termais que incluíron sauna seca, sauna húmida, contrastes de auga fría e quente, piscina termal, jacuzzi e sillóns térmicos nos que se aplicou un bálsamo relaxante. Amais, aproveitamos para facer unha visita cultural ás termas romanas milenarias, localizadas na parte baixa do balneario.

 

Dende o Observatorio optouse por darlle o nome de Corona González á Escola de Formación Feminista por existir un vínculo importante entre Corona González e Ribadeo e, polo tanto, coa Mariña de Lugo. Corona estivo casada co ribadense Ramón González. A pesar de ser unha escritora practicamente descoñecida, desde fins de 1926 até 1930 colaborou no semanario A Nosa Terra con varios artigos.  Moitos destes textos están escritos dende unha óptica feminista e abordan temas como a situación das galegas e dos galegos en América. Tamén defende a instrución e o traballo das mulleres. Como forma de lembrar a súa figura, o Observatorio da Mariña pola Igualdade decidiu poñer o seu nome á Escola de Formación Feminista.

Síguenos nas redes:

Share This