O Observatorio da Mariña pola Igualdade ten entre os seus obxectivos dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.
Ante as recentes novas que auguran a confirmación definitiva do expediente de regulación de emprego iniciado hai un ano na Cerámica de Sargadelos, co conseguinte despido de 74 persoas, e en concreto 34 mulleres da fábrica sita na nosa Comarca (Cervo) e o resto da cerámica situada en Sada, o Observatorio da Mariña pola Igualdade manifesta:
• Esta empresa contribúe visibelmente ao empoderamento social das mariñás, permitíndolles ás mulleres gozar dunha independencia económica que redunda nunha maior autonomía nas súas vidas. Ademais, da empresa destaca que nos últimos anos conta cun convenio laboral que facilita a todas as persoas contratadas a conciliación da súa vida persoal e laboral.
• O expediente de regulación de emprego nesta empresa supón un grave prexuízo para cada unha das traballadoras e traballadores afectados. Esta medida afectará á situación laboral global das mulleres da comarca, incrementando o número de paradas e de mulleres que perden independencia económica.
• Por todo isto, apoiamos as traballadoras e traballadores da empresa e solicitamos á administración galega que está a examinar o ERE que apoie de forma clara o mantemento dos postos de traballo e a viabilidade da empresa con medidas favorecedoras.
• Denunciamos a falta de medidas desde as administracións para impulsar o emprego feminino e para protexer os colectivos desempregados máis vulnerábeis, entre os que se atopa o feminino.
Isto vén empeorar aínda máis as cifras da feminización do paro que temos na Mariña, que segundo os datos do Instituto Galego das Cualificacións correspondentes ao mes de agosto ascenden a 2102 mulleres desempregadas na comarca, nun dos meses de maior actividade laboral, debido á afluencia de turismo e a época estival.
Estase a producir un desmantelamento dos servizos públicos e en concreto daqueles que desenvolven pollíticas sociais e que se nutren maioritariamende de mulleres, debido á división sexual e á segregación no traballo, sumado á perda de postos de traballo temporais (postos desempeñados polas mulleres no sector servizos, debido á afluencia do turismo, e que a partir de setembro reduce o persoal notoriamente). Por outra banda, os efectos que se aveciñan coa reforma laboral van ser totalmente nocivos para as mulleres, en canto se incentiva a contratación a tempo parcial, que xa de por si vén recaendo nas mulleres.
Ante esta situación que afecta inevitabelmente ás mulleres da nosa Comarca, esiximos unhas políticas activas de emprego que posibiliten o mantemento das mulleres no campo laboral e impidan o retorno forzado das mulleres ao ámbito doméstico non remunerado. Consideramos esencial manter a independencia económica das mulleres para que poidan tomar decisións en liberdade e ser mulleres empoderadas.
AS ADMINISTRACIÓNS DEBEN GARANTIR QUE NON SE PERDA NIN UN SÓ POSTO DE TRABALLO NA CERÁMICA DE SARGADELOS.


