O Observatorio da Mariña pola Igualdade participou, o pasado día 13 en Burela, na homenaxe a Rosalía de Castro que no 125º aniversario da súa morte que organizaron as asociacións mariñás Francisco Lanza (Ribadeo), Ollomao (Barreiros), A Pomba do Arco (Foz), Buril (Burela), Arricandeira (Riotorto), O Milleiro (Ourol), Irmandade  San Caetano (Celeiro de Mariñaos), Mardouro (O Valadouro), Anduriña (San Cibrao) e Mariña Patrimonio.

 

 

Con este acto quíxose, amais de conmemorar os 125 anos do seu pasamento, poñer en valor a obra e a figura de Rosalía e reivindicar o carácter público, aberto e laico do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, situado en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). Para iso, o escritor e xornalista Miguel Sande, o artista barreirense Celso Dourado e a compañeira do Observatorio Olga Castro puxeron voz a distintos textos de Rosalía.  

Olga Castro fixo fincapé no discurso máis combativo de Rosalía, desde un punto de vista de xénero. A  pesar de que este está presente en toda a obra da escritora de Padrón, a nosa compañeira centrouse só nalgunhas obras en prosa onde o discurso é máis explícito. En palabras de Olga Castro en "Lieders", obra que a estudosa e tradutora de Rosalía ao inglés, Kathleen March, cualificou como “o primeiro manifesto feminista da Galiza”, a nosa autora afirma:

"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus labios, aínda que ao meu arredor sentise, desde o berce xa, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son os grillóns da súa escravitude".

Olga tamén fixo referencia á obra “Las literatas. Carta a Eduarda”, na que Rosalía “denuncia os obstáculos que atopa unha muller que decide dedicarse á literatura; a dificultade da conciliación entre vida social e literaria, coa vida familiar; como as obras de moitas escritoras da época foron usurpadas polos seus maridos (quen as asinaban); e, en definitiva, o sometemento ao xuízo dos demais que sempre lle critican calquera actuación”. Como di Rosalía nesta obra "Pero non creas que para aquí o mal, pois unha poeta ou escritora non pode vivir humanamente en paz sobre a terra, posto que, ademais das axitacións do seu espírito, ten as que ao seu arredor levantan cantos a arrodean".

Tras as intervencións de Olga Castro, Celso Dourado e Miguel Sande, a agrupación musical burelá Dambara pechou o acto coa interpretación dunha peza tradicional.

Síguenos nas redes:

Share This