O Observatorio da Mariña pola Igualdade quere manifestar a súa máis enérxica condena polo asasinato machista que se cometeu no Carballiño o pasado domingo e trasladarlle o noso máis profundo pesar aos familiares e amizades da víctima.

Queremos sinalar que comeza un novo ano no que a macabra lista de mulleres victimas da violencia de xénero non se deten, e advertimos da perigosidade que implica a naturalización da violencia contra as mulleres convertindo estos crimes en meros datos numéricos aos que a sociedade se vai acostumando.

O Observatorio segue a denunciar a necesidade de máis esforzos e medios para combater esta lacra , e esixe ás institucións que se poñan a disposición da sociedade con todos os recursos materiais e humanos que sexan precisos para que, de maneira definitiva e rotunda, dende calquera eido sexamos quen de rematar coa discriminación das mulleres en xeral e coa violencia machista en particular.

Non podemos esquecer que a violencia de xénero comeza a manifestarse cada vez a idades máis temperás e por iso incidimos en que a solución a esta violencia debe ter como piar fundamental a educación, e estar baseada no fomento de valores coeducativos e da educación en igualdade.

Reivindicamos e esiximos que, de unha vez por todas,o terrorismo machista sexa considerado unha cuestión de Estado para loitar contra os feminicidios dende xa. Necesitamos feitos,non palabras.Necesitamos medios, non minutos de silencio.

Dende o feminismo, seguiremos a loitar contra o machismo. Porque queremos vivir nun mundo no que a igualdade real entre homes e mulleres sexa unha realidade. Porque vivir sen violencia é un dereito!

O MACHISMO MATA. QUERÉMONOS VIVAS.

Síguenos nas redes:

Share This