Xa é unha habitual máis destas datas e non queríamos pasar máis tempo sen presentarvos a Axenda Feminista 2016 do Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicada este ano ás Científicas Galegas. Queredes saber máis? Seguide lendo!

 

 

Non podía faltar este clásico do Observatorio que xa vai pola súa sexta edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala. Se en anos anteriores a Axenda Feminista se centrou máis en ámbitos cultuais e se dedicou ás músicas, escritoras, teatreiras ou poetas galegas, para este 2016 que está a piques de comezar o Observatorio quere valorar e visibilizar o traballo de 12 científicas, unha por cada mes do ano. Mulleres galegas ou mulleres vencelladas a Galizaque dende os seus proxectos de investigación contribúen día a día a mellorar as nosas vidas.

 

Ben poucas áreas de traballo levan contribuído tanto ao avance da sociedade como a ciencia e a tecnoloxía e, se moitas veces eses cambios sociais non adoitan recibir o recoñecemento social que se merecen, a invisibilización é moito maior cando se trata de mulleres. Moitas delas acadaron grandes logros que non sempre foron recoñecidos na súa xusta medida, e é por iso que desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos render a nosa pequena homenaxe a todas esas mulleres, ás pioneiras que abriron o camiño como María Sklodowska Curie, Lise Meitner ouRosalind Elsie Franklin, como ás que seguiron.

 

Para o Observatorio da Mariña pola Igualdade é unha honra contar cos textos que escribiron expresamente para a Axenda Feminista 2016 de Vanessa Valdiglesias García (Toxicoloxía Xenética), Josefina Ling Ling (Astronomía e Astrofísica), Aida Fernández Ríos (Bioloxía Mariña), África González Fernández (Inmunoloxía), Sonia Villapol Salgado (Neuroloxía), Alicia Estévez Toranzo (Microbioloxía e Parasitoloxía), Mª Isabel Fernández García (Química Inorgánica), Gloria Revilla López (Fisioloxía Vexetal), Elena Vázquez Abal (Xeometría e Topoloxía), Susana Martínez Conde (Neuroloxía), Ana Mª González Noya (Química Inorgánica) e Mª Isabel Loza García (Farmacoloxía). Son Elas na ciencia e nos acompañarán no 2016, cada unha na súa especialidade, cada mes do ano.

 

A Axenda Feminista 2016 sobre Científicas galegas repite o formato da axenda de anos anteriores: tamaño A5, tapas duras,goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. Ademais dos textos e das fotos de cada científica, tamén se poderá atopar unha pequena biografía das científicas para coñecer un pouco mellor o seu traballo e os seus proxectos, datas relevantes para o movemento feminista que decote pasan desapercibidas noutros almanaques, páxinas de notas, ou o calendario menstrual 2016. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Oreli Pello.

 

O prezo da axenda son 13 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 11 euros) e se pode atopar nos seguintes puntos de venta:

 

  • Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
  • Foz: Libraría Bahía.
  • Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
  • Viveiro: Libraría Porta da Vila.
  • Vilalba: Papelería Pergamino 2.
  • Lugo: Libraría Trama
  • Santiago de Compostela:Libraría feminista Lila de Lilith.
  • A Coruña:Libraría Suevia.
  • Vigo:Libraría Andel.

 

A xente que o desexe tamén se pode poñer en contacto co Observatorio da Mariña pola Igualdade a través do mail observatorioigualdade@gmail.com ou do teléfono 627.037.668 para mercar a súa axenda. Fanse envíos por correo postal cun coste adicional de 2 euros.

 

Agardamos que vos presente tanto coma a nós e que o 2016 veña cargado de proxectos xeniais para anotar na Axenda Feminista.

 

Facédevos coa vosa que voan!

 

Síguenos nas redes:

Share This