Xa está aquí! Un ano máis o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza, en colaboración coa Uned  e Radiofoz, o Video-forum Mulleres no Mundo. Sete edicións xadunha das actividades máis asentadas do Observatorio, nas que desde o Observatorio seguimos apostando polo cinema para achegarnos a realidades de mulleres doutros lugares do mundo máis ou menos afestados de Galiza. Durante as edicións pasadas coñecimos as realidades das mulleres de  Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá, Suíza ou Arabia Saudita. Neste 2015 viaxaremos a Arxentina, Israel, Reino Unido e á nosa casa, Galiza. Ademáis, no noso empeño en visibilizar o traballo das mulleres en diferentes eidos, coñeceremos a 4 directoras xa que todas as películas están dirixidas por mulleres. 

 

 

 

VII Vídeo-forum Mulleres no Mundo desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 5 de novembroen horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

 

Aquí tedes a programación detallada deste VII Mulleres no Mundo, con películas ben interesantes que non adoitan chegar ás salas de cinema da Mariña nin das principais cidades galegas: 

 

  • 5 de novembro: XXY. Dirección de Lucía Puenzo. Arxentina.
  • 12 de novembro: Gett: el divorcio de Viviane Amsalem. Dirección de Ronit e Shlomi Elkabetz.Israel.
  • 19 de novembro: A cicatriz branca. Dirección de Margarita Ledo. Galiza.
  • 26 de novembro: Hysteria. Dirección de Tanya Wexler. Reino Unido.

 

 

 

 

 

Como nas  edicións anteriores, as sesións do VII Video-forum estarán guiadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme,  para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. Ademáis, ao ser formato café-debate, o  Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións!

 

Agardámosvos en Foz, noutro novembro máis de cinema e mulleres!

Síguenos nas redes:

Share This