Tralo éxito dos diferentes cursos de fotografía dixital que dende o Observatorio vimos organizando desde o ano 2009, chega outra nova edición desta volta en Ribadeo: Olladas de mulleres 3.0. Queredes saber máis? Seguide lendo!
Para o próximo mes de abril, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade, propoñémosvos recuperar as vosas cámaras dixitais e participar no curso de fotografía dixital Olladas de mulleres 3.0 que será impartido por Xela Fernández. Será os martes e xoves (concretamente os días 1, 3, 8, 10, 15, 22, 24 e 29), de 18.00h a 20.30h, no Telecentro de Ribadeo.
O prazo de inscrición estará aberto até o próximo luns 31 de marzo. As prazas son limitadas e as mulleres que desexen anotarse só teñen que enviar un mail a observatorioigualdade@gmail.com ou chamar ao 627.037.668. O prezo do curso son 10 euros, menos para as socias do Observatorio que é gratis (se che apetece facerte socia, por 20 euros ao ano, aproveita e faino xa e o curso de fotografía sairache gratis!)
Cunha duración de 20 horas teórico-prácticas, Olladas de mulleres 3.0 é un curso de fotografía dixital enfocado a coñecer, mirar e analizar a imaxe desde un punto de vista feminista, así coma un espazo de diálogo, reflexión e creatividade, de formación social e de expresión artística. Entre outros obxectivos plantexa o de propoñer a fotografía como ferramenta de comunicación e, por suposto, coñecer a obra de diferentes fotógrafas que contribuíron e contribúen ás transformacións históricas na fotografía e á linguaxe da imaxe.
Que vos parece? Animádevos? Deixámosvos o programa para ir abrindo boca:
1º Sesión: Presentación. Ver e interpretar para crear entorno ao feminismo e á fotografía feita por mulleres (martes 1 de abril).
2º Sesión: Mulleres que miran, unha linguaxe propia. Viaxe pola historia da fotografía feita por mulleres, seguindo unha estructura cronolóxica que permita coñecer o traballo de diversas fotógrafas, sempre desde a óptica do análise e do discurso feminista (xoves 3 de abril)
3º Sesión: A cámara e a formación da imaxe: sobre as cuestións técnicas e compositivas básicas para a toma fotográfica (martes 8 e xoves 10 de abril)
4º Sesión: Comezo do módulo práctico. Traballarase un pequeno proxecto cun tema escollido na aula entre todas as alumnas, reflexionando sobre a visibilidade da mulleres e a súa representación na actualidade. Poñerase en práctica a teoría, a técnica e a estética aprendidas. Finalmente, terá lugar un visionado das imaxes obtidas e un pequeno debate entorno ás experiencias coa cámara (martes 15, martes 22, xoves 24 e martes 29 de abril).