O pasado 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, participamos en Lugo nun acto organizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación no que se deu lectura a un manifesto feminista asinado por varias asociacións e colectivos de mulleres da provincia de Lugo, entre elas o ObservatorioDeixámosvos co fermoso manifesto Por un 8 de marzo comprometido coa loita feminista

 

 

                               Daquelas que cantan as pombas i as frores,

                               todos din que teñen alma de muller.

                               Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,

                               Ai!, de que a terei?

                                                               Rosalía de Castro

 

As palabras de Rosalía de Castro, publicadas en 1880, son premonitorias do duro camiño que había andar o feminismo para denunciar a discriminación das mulleres, reclamar para elas os mesmos dereitos que para os homes e defender a construción dunha sociedade xusta e igualitaria, oposta a todo tipo de dominación e alicerzada no respecto á diversidadePorque, cando actuamos para combater o sometemento feminino estamos a falar da necesidade de nos comprometer cun proceso de transformación que non é sectorial nin de grupo. Non é unha cuestión de intereses particulares senón de xustiza social. As mulleres representan algo máis do 50% da humanidade e as sociedades tamén expresan o seu grao de avance na implicación por faceren delas cidadás de primeira, visíbeis en todos os lugares, cos mesmos dereitos, cos mesmos salarios, coas mesmas posibilidades, gozando dos mesmos espazos e con orgullo e autoestima de seu. É precisa, pois, a participación de toda a sociedade no seu conxunto, de homes e mulleres, para traballar contra calquera tipo de dominación. Este foi e continúa a ser o obxectivo principal do amplo e variado movemento feminista. Porque mudando a perspectiva patriarcal seremos persoas libres e autónomas.

 

Rosalía conseguiu, como ningunha outra persoa entre nós, fusionar a reivindicación individual e a colectiva e os seus textos continúan a nos conmover pola reivindicación das clases traballadoras e, entre elas, pola denuncia da situación especialmente dramática das mulleres:

 

 

Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres.

 

 

Máis de cen anos despois, a pobreza e a exclusión social continúan a ter rostro de muller. Son mulleres a inmensa maioría das persoas que asumen as tarefas de coidar as persoas dependentes  tanto  fóra como dentro dos seus domicilios ou familias. A desculpa da crise está a levar por diante responsabilidades sociais que estaban en proceso de se consolidar, por entender que son o Estado e os poderes públicos os que deben garantir unha cobertura imprescindíbel para posuíren as mulleres as necesarias automonía e independencia económicas. Isto obriga as mulleres a asumiren, aínda en moita maior medida, o traballo dos coidados de persoas maiores, dependentes e crianzas, ademais do resto das tarefas domésticas, un traballo produtivo preciso para o funcionamento do sistema mais que non está remunerado nin recoñecido e que se invisibiliza socialmente.

 

Este 8 de marzo de 2014 vén marcado xustamente pola resistencia ao intento de derrubar todo o traballo a prol dos dereitos das mulleres, un labor que mobilizou nas últimas décadas o movemento feminista, diversos colectivos sociais, sindicatos e organizacións políticas comprometidas con esta causa e persoas a nivel particular. Existe, nestes momentos, a obriga retomar vellas loitas para se uniren ás novas que nos ocupaban e de precisarmos todas as forzas e as enerxías para consolidar as mulleres como cidadás de primeira, con capacidade para tomaren as súas propias decisións e con dereitos básicos, como o de vivir unha vida digna en liberdade.

 

Poderiamos exemplificar moitas medidas que supoñen violencia cara ás mulleres: a falta de escolas infantís, o desmantelamento das políticas que amparan a dependencia, o ataque aos servizos públicos, o apoio á banca provocando suicidios ante os desafiuzamentos, a reforma laboral, o incremento desmesurado do paro, a redución das prestacións por desemprego, as desigualdades salariais, as baixísimas pensións…

 

Con todo, queremos centrar unha parte do noso discurso en afirmar que unha boa lexislación garantista da liberdade de poder escoller realizar un aborto libre e seguro na Sanidade Pública significa tamén protección da maternidade, da maternidade querida, desexada, construída por vontade. Esixir, pois, o dereito ao aborto na sanidade publica significa dar a posibilidade de elixir, de decidir querer ser nai nun momento determinado ou non facelo. Non é, como algunhas voces ousan afirmar, unha imposición; é liberdade para escoller.

 

Non recoñecer o dereito ao aborto na sanidade publica afonda nas desigualdades sociais, ao dividir entre as mulleres que poderán desprazarse, moverse, acudir a outros lugares e as que terán que se conformar con prácticas clandestinas e riscos para a súa saúde e a súa vida. Os datos que posuímos de estados con leis prohibitivas demostran que non se reducirán os abortos, senón que se desprazarán a outros lugares ou que se levarán a cabo en peores circunstancias. Esta proposta lexislativa pretende unha involución que suporá unha modificación substancial das condicións de vida de moitas mulleres, o regreso ao medo, a seren cidadás de segunda.

 

Estamos a vivir, nisto, como en tantas outras cousas, unha volta atrás que produce vertixe. Moitas de vós, moitos de vós facedes ben en preguntarvos todos os días se estamos realmente no século XXI.

 

Renxen especialmente, dentro desta volta aos valores tradicionais a aposta pola segregación por sexo nas aulas e a eliminación da posibilidade de reprodución asistida a persoas do mesmo sexo. Mais existe tamén unha involución que nos ofrece datos arrepiantes no  ámbito das actitudes, como o coñecemento de existiren porcentaxes escandalosas de adolescentes que soportan e xustifican situacións de maltrato. E a violencia diaria, eses micromachismos que moitas veces non detectamos, como o control cotián desde os teléfonos e as novas tecnoloxías, continua acompañando os asasinatos de mulleres a mans dos seus compañeiros.  

 

O que hoxe chamamos violencia de xénero, violencia machista ou violencia contra as mulleres, e que en ocasións aparece nos medios de comunicación como un asunto actual, como un problema acabado de detectar e de coñecer, estaba xa presente nos versos rosalianos. De que saibamos que estamos nunha carreira de fondo para crear un imaxinario distinto ao que nos ofrecen os

 

 

Amores cativos

Era delor i era colera,

era medo i aversion,

era un amor sin medida,

era un castigo de Dios.

Que hai uns negros amores, de índole pezoñenta

que privan os espritos, que turban as concencias,

que morden si acariñan, que cando miran queiman,

que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan.

                         Máis val morrer de friaxen

que quentarse á súa fogueira.

 

Para non existiren discriminación por razóns de xénero, aquelas cuestións que camiñan cara á superación do sistema patriarcal teñen que ocupar unha parte relevante da nosa axenda. Por iso  aspiramos a cuestionar a orde estabelecida, a mudar as prioridades e a traballar colectivamente a prol dun mundo realmente xusto. Cómpre, pois, reivindicar a necesidade de ofrecer unha perspectiva feminista no económico, no social, no cultural, no deportivo, no lecer e, por tanto, abordar desde esta ollada os problemas derivados da crise, o desemprego, a fenda salarial, o intento de relegaren as mulleres a un papel tradicional, a perda de dereitos conquistados, mais tamén cuestións urbanísticas, de servizos sociais, de espazos e de tempos, da necesidade de incrementar a participación feminina e de abordar a problemática da violencia de xénero como un trazo estrutural que debe constituír unha cuestión central.

 

Porque non queremos celebrar un 8 de marzo ritual e si aspiramos a un 8 de marzo comprometido coa loita feminista o 9 e o 10 e o 11 e o 12 e o 13 e o 14… e así os 365 días do ano.

   

Síguenos nas redes:

Share This