Despois de varios meses de preparativos, o pasado domingo 9 de marzo tivo lugar en Compostela a Manifestación Nacional polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que o Observatorio forma parte. Manifestación histórica na que quedou patente a forza do feminismo galego. Deixámovos con algunha imaxe do Observatorio na manifestación e o manifesto lido ao final da mesma na Quintana. Tamén podedes ver aquí un video que resume perfectamente a maré lila do domingo en Compostela. Xunt@s podemos!

 

 

Manifesto lido na Praza da Quintana o 9 de marzo de 2014:

 

Benvidas todas e todos a esta praza da Quintana. Benvidas a esta gran manifestación en que todas as mulleres que aquí estamos lles expresamos á cidadanía e ao Goberno do Partido Popular o noso rexeitamento a un anteproxecto de lei en contra do dereito ao aborto, en contra da capacidade de decisión das mulleres, en contra da igualdade e da emancipación, en contra, en definitiva, da nosa autonomía e da nosa maioridade!

 

Somos adultas, somos capaces de decidir sobre a nosa vida. Nin un goberno misóxino e retrógrado, nin unha Conferencia episcopal inquisitorial nos farán renunciar aos nosos dereitos: vese aquí, as mulleres e os homes solidarios non imos consentir o retorno aos tempos escuros, de silencio, de medo; non estamos dispostas, temos a enerxía e a vontade de berrar, de loitar, de manter a esixencia dun modelo de sociedade de iguais onde se respecten os dereitos das mulleres.

 

Estamos a carón da catedral, ben preto do poder eclesiástico. Estamos berrando forte e claro á porta dos nosos inimigos para que nos escoiten ben: non imos renunciar, non imos calar, continuaremos ata que sexamos consideradas suxeitos de pleno dereito, non submisas, nin caladas, nin tuteladas.

 

As galegas levamos anos rexeitando a ofensiva patriarcal do Goberno do PP, o recruar do machismo nas institucións en que gobernan. Na Xunta comezaron pola eliminación de organismos como o Servizo Galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e dos Centros de Orientación Familiar, poñendo impedimentos para acceder a métodos contraceptivos,  xunto coa posta en marcha da retrógrada Lei de apoio á familia e á convivencia aprobada polo PP no ano 2011, que pretende instaurar o control alleo sobre o noso corpo e sexualidade, volvendo a situarnos as mulleres na esfera doméstica.

 

Que as mulleres non somos nada para os poderes políticos, relixiosos e económicos que nos gobernan é tan evidente que non só se reflicte en que somos as que máis gravemente sufrimos as consecuencias da crise, senón tamén en que as primeiras institucións desmanteladas, tanto en Galiza como no Estado, foron as que traballaban pola igualdade, a información e a protección ás mulleres. Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian a garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias, ignorando a súa consecuencia máis extrema: o número de mortas por violencia machista. Como é posible que, nesta realidade, se eliminen as políticas de igualdade e educación sexual?

 

O 90 % das mulleres que ata agora abortaban coa actual lei do 2010, co anteproxecto de lei do PP terían que facelo de forma«ilegal»; as que teñan recursos económicos sairán ao estranxeiro e as que non, arriscarán a saúde e a vida recorrendo a un aborto clandestino. Ademais, a isto sumarase a inseguridade e a vulnerabilidade xurídica do colectivo de profesionais da sanidade.

 

Di o PP que o seu anteproxecto de lei se basea ante todo na defensa da vida. Dino o Goberno do Estado e o da Xunta, que impoñen políticas laborais inxustas, que recortan o acceso ás escolas infantís, que negan a ampliación do permiso de paternidade e lles dificultan a todas as mulleres o acceso á reprodución asistida. Dino os gobernos que eliminan servizos sociais básicos, que recortan en dependencia e sanidade, que empurran gran parte da cidadanía á pobreza.

 

E ante isto podemos preguntarnos: de que vida falan no Partido Popular cando falan da vida?

 

Reclamarmos o dereito ao aborto libre significa que non se poida forzar unha muller a proseguir cun embarazo non desexado nin cuestionar a súa decisión de interrompelo. O dereito a tomar esta decisión afiánzanos ás mulleres como suxeitos moralmente autónomos para decidirmos sobre as nosas vidas, sobre os nosos corpos e sobre a maternidade: nosoutras podemos e debemos decidir ser nais ou non o ser.

 

A maioría dos países europeos da nosa área, que tanto se fartan de mencionar desde o Partido Popular cando lles convén, teñen lexislacións que permiten a libre decisión das mulleres durante un período da xestación: entre a décima e a vixésimo cuarta semanas, e así tamén está lexislado en España, coa Lei orgánica de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntario do embarazo.Outros, como o Reino Unido, admiten indicacións tan amplas que, na práctica, implican o respecto á libre decisión das mulleres. Só Polonia e Irlanda, con lexislacións moi limitadas, obvian a libre decisión das mulleres e a súa vontade de abortar. Malta é o único país onde o aborto provocado está prohibido.

 

As posicións do Goberno do Partido Popular, expresadas primeiro nas declaracións do ministro Gallardón e agora plasmadas no anteproxecto de lei, destapan as súas ideas máis retrógradas cara ás mulleres. Igual ca cando nos gobernaba o nacionalcatolicismo do franquismo, impónselle á cidadanía unha moral relixiosa concreta, a da Igrexa católica.

 

Queren impoñer un modelo de sociedade no que a vida das mulleres ten como obxectivo a maternidade, considérannos incapaces de tomarmos decisións por nós mesmas, coidan que necesitamos protección, tutela e axuda a perpetuidade para decidirmos sobre a nosa vida e sobre a nosa maternidade. Estannos roubando, de xeito planificado, algo tan elemental como o noso dereito a dirimir un asunto sobre o que debemos ter a derradeira e fundamental palabra. Na lei do Partido Popular, a autonomía das mulleres desaparece borrada de vez, queda sempre a expensas do que outros decidan por nós.

 

Porque somos AUTÓNOMAS, RESPONSABLES, LIBRES E IGUAIS,

 

—     Esiximos a retirada inmediata deste anteproxecto de lei que atenta contra os dereitos das mulleres, contra a nosa autonomía, contra a nosa liberdade, contra a nosa saúde, vida e dignidade.

 

—     Esiximos que o aborto fique fora do Código penal, que se regule como un dereito de todas as mulleres a interromperen un embarazo non desexado sen ningún tipo de discriminación.

 

—     Esiximos que se manteña a actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo porque nos equipara co conxunto dos países do noso contorno na Unión Europea, e non aceptamos ningunha modificación restritiva.

 

—     Esiximos que se fomente e garanta unha educación afectivo-sexual libre de estereotipos sexistas e homófobos.

 

—     Esiximos a retirada da lei Wert, que impulsa a relixión dentro das escolas mentres se exclúe das aulas a educación sexual con persoal cualificado.

 

—     Esiximos que se respecte a autonomía das mulleres novas, que as mozas de 16 e 17 anos non sexan obrigadas a ter o permiso da nai ou o pai, e moito menos da xudicatura para decidiren sobre a súa maternidade.

 

—     Esiximos a regulación da obxección de conciencia, para que ningunha muller quede sen asistencia sanitaria.

 

—     Esiximos que ás mulleres non se nos impoñan tutelas doutras persoas, que non son máis ca intentos de impoñernos un proxecto de vida e de negar a nosa condición de suxeitos de pleno dereito.

 

E porque somos AUTÓNOMAS, RESPONSABLES, LIBRES E IGUAIS,

 

dicimos NON á contrarreforma do Partido Popular e esiximos respecto aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, que inclúen o control dos nosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública

 

AS MULLERES DECIDIMOS

O ESTADO GARANTE

A SOCIEDADE RESPECTA

A IGREXA NON INTERVÉN

 

 

Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto

 

 

 

Síguenos nas redes:

Share This