E para rematar a serie de actos reivindicativos e informativos en torno ao dereito ao aborto, tivemos o pasado venres 14 de febreiro, na Casa das Letras de Ribadeo, a charla-café “Os dereitos sexuais e reprodutivos a debate”, coa gran amiga Lola Ferreiro.

Dun xeito moi instructivo e ameno, Lola Ferreiro – Doutora en medicina e cirurxia, coordinadora do grupo Lúa Crecente de estudos e deseño de Programas de Eduación para a saúde desde a perspectiva de xénero, e autora e coautora de numerosos traballos de investigación, divulgación e educación para a saúde – falou claro sobre os dereitos sexuais e reproductivos das mulleres. Para Lola, a reforma da Lei – á que se referiu como “ameaza pantasma” – é só a punta do icerberg, o máis visible, do que o goberno está a facer cos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. O outro, menos visible, e que van pouco a pouco facendo, pero que constitúe o resto da pirámide é:
– Desmantelamento dos Centros de Orientación Familiar (COF)
– Anulación da prestación de anticonceptivos hormonais
– Asolagamento dos Centros Quérote, de formación afectivo-sexual
– Supresión dos programas escolares de formación afectivo-sexual
– Subordinación sexual das mulleres e perpetuación do patriarcado
Despois de centrarse máis en explicar a base da pirámide, que é a subordinación sexual das mulleres e perpetuación do patriarcado como ideoloxía, e como nós non somos conscientes de aprender a cultura patriarcal que leva máis de 6000 anos, finalizou a charla expoñendo unha serie de alternativas como:
– A organización das mulleres, xa que é o único xeito de conseguirmos dereitos.
– Debater sobre o que afecta ás mulleres, como é o dereito á interrupción voluntaria do embarazo
– O uso dos nosos dereitos
– Esixir medidas de igualdade efectivas aos poderes públicos
– A construción de modelos de poder femininos.
En definitiva, unha charla ben intersante, cun enfoque distinto, que deu lugar a un ameno e participativo debate. Porque como dixo Lola Ferreiro, non nos chega coa despenalización. Queremos falar de dereitos! Queremos falar de aborto libre e gratuíto!



