O pasado 1 de febreiro comezamos unha serie de actos reivindicativos e informativos en torno ao dereito ao aborto. O primeiro deles foi a cadea humana na Ponte dos Santos en contra da reforma da lei do aborto, coincidindo co Tren da Liberdade que chegaba ese mesmo día ás 12h a Madrid. Convocada pola Concellería de Igualdade do Concello de Ribadeo, diversos Concellos e Asociacións de mulleres do Occidente Astur e o Observatorio da Mariña pola Igualdade, xuntámonos na parte asturiana da Ponte para ler o textoPorque eu decido“, e despois fíxose a cadea humana, con preto de 400 persoas, que se estendeu ao longo da Ponte dos Santos. 

 

 

 

 

Texto Porque eu decido

 

En Madrid, o 1 de febreiro, ás 12.00 h, sairemos  desde a estación de Atocha cara o Congreso dos Deputados, onde entregaremos, por rexistro, o seguinte texto, escrito por Alicia Miyares, ao Presidente do Goberno, o Presidente do Congreso, a ministra Ana Mato, o ministro Alberto Ruiz Gallardón e os distintos grupos do Congreso.

Porque eu decido.

 

Porque eu decido desde a autonomía moral, que é a base da dignidade dunha persoa, non aceptar imposición, ou prohibición algunha no que atinxe aos meus dereitos sexuaisreprodutivos e, polo tanto, á miña plena realización como persoa. Como ser humano autónomo négome a ser sometida a tratos degradantes, inxerencias arbitrarias e tutelas coactivas na miña decisión de ser ou no ser nai.

Porque son libre invoco a liberdade de conciencia como o ben supremo sobre o que fundamentar as miñas eleccións. Considero cínicos a aqueles que apelan á liberdade para restrinxila e malévolos aos que non importándolles o sufrimento causado queren impor a todos os seus principios de vida baseados en inspiracións divinas. Como ser humano libre négome a aceptar unha maternidade forzada e un  réxime de tutela que condena ás mulleres á “minoría de idade sexual e reprodutiva”.

Porque vivo en democracia e son demócrata acepto as regras do xogo que deslindan dereitos de pecados e lei de relixión. Ningunha maioría política nacida das urnas, por moi absoluta que sexa, está lexitimada para converter os dereitos en delitos e obrigarnos a seguir principios relixiosos mediante sanción penal. Como cidadá esixo aos que nos gobernan que non transformen o poder democrático, salvagarda da pluralidade, en despotismo.

Porque eu decido, son libre e vivo en  democracia esixo do goberno, de calquera goberno, que promulgue leis que favorezan a autonomía moral, preserven a liberdade de conciencia e garantan a pluralidade e diversidade de intereses

.
Porque eu decido, son libre e vivo en democracia esixo  que se manteña a actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo por favorecer a autonomía moral, preservar a liberdade de conciencia e garantir a pluralidade de intereses de todas as mulleres.

 

Tradución: María Armesto

Síguenos nas redes:

Share This