Case case rematando o ano continuamos coa nosa campaña Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento de visibilización das nosas escritoras. Novembro é a quenda de Begoña Paz. Aquí está o seu texto para a Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas

 

 

Por defecto

“O papel é o único espello no que nunca nos atopamos horribles “

 Amélie Nothomb

Mergullarse na procura da friaxe e do latexo. Apartar as mentiras até chegar á trabe comesta pola couza que nos sostén. Trabar cos caíños no óso feo da vida, saboreando -nesa pel infinda– a dor propia e allea. Procurar a verdade, amarga e doce, até que che proa nos beizos. Amosar orgullosa as feridas, as cicatrices núas, as taras todas, degoiralas, lambelas, acariñalas, na sospeita de que seica iso é todo o que se é, todo o que se ten. Negarnos no papel as mascaras baixo as que agochamos os nosos medos, as nosas miserias, da ollada allea. Apañar a beleza toda, indubidable, desapiadada e núa, que atopamos nesta a nosa descuberta constante sobre nós e sobre as mulleres e os homes que alentan por nós e dende nós.

 

Sementar incomodidade, fealdade, para colleitar vida. Contaminarnos con ela, enfermar de realidade, transmitirlle a infección a elas, a eles, na esperanza sempre de que a dor partillada, a verdade que nos fire e que nos manca, nos salve. A todos nós. De todos nós.

 

Begoña Paz.

Síguenos nas redes:

Share This