Chega novembro e chega de novo o Video-forum Mulleres no  Mundo do Observatorio. Cinco anos xa desde aquel primeiro Mulleres no Mundo! Cinco anos nos que o Observatorio, en colaboración coa UNED e Radiofoz, leva dando a coñecer realidades de mulleres moi diversas Máis de vinte películas proxectadas de distintas partes do mundo (Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá…) que deron lugar a interesantes debates e que, sobre todo, permitiron coñecer o traballo de importantes directoras de cinema, moitas veces descoñecidas

 

 

 

Este V Video-forum Mulleres no Mundo, que comezará o próximo xoves 7 de novembro será o máis europeo de todos, xa que das catro películas que se proxectarán coincide que unha é holandesa e dúas inglesas.  Asimesmo, a metade das películas deste V Video-forum están dirixidas por mulleres. E ao  igual que nas últimas edicións,  por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, voltarase ao formato do café-debate. O Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

 

 

O V Vídeo-forum Mulleres no Mundo desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 7 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

 

Ao igual que nas pasadas edicións, ao comezar repartirase un dossier con información sobre a película e cada sesións estará guiada por unha socia do Observatorio. Despois da presentación e contextualización da película procederase ao visionado para, ao rematar, iniciar o debate-reflexión. As películas que se proxectarán este ano son: 

 

● 7 de novembro: Antonia. Dirección de Marleen Gorris. Paises Baixos (Holanda)

● 14 de novembro: An Educación. Dirección de Lone Scherfig. Reino Unido.

● 21 de novembro: Pago Justo. Dirección de Nigel Cole. Reino Unido.

● 28 de novembro: El Cairo 678. Mohamed Diab. Exipto.

 

 

 

 

 

Anotade ben as datas e vémonos en Foz!

Síguenos nas redes:

Share This