Novembro vén pisando forte co curso de fotografía dixital Olladas de muller que terá lugar en Ribadeo. Este proxecto, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e financiado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade, é máis que un curso de fotografía dixital. Olladas de muller é un proxecto colectivo e participativo. É darlles voz ás mulleres. Empoderalas. É mostrar ao mundo as súas inquedanzas, as súas escollas. É mostrar as súas olladas.
Olladas de muller consta, principalmente, de dúas fases. A primeira é a do curso teórico-práctico (20h) de fotografía dixital que terá lugar entre o 4 e o 8 de novembro, de 16.30h a 20.30h, no local das asociacións “O Lavadoiro“ (Rúa dos Fornos) en Ribadeo. A segunda fase será a da exposición final das fotografías obtidas no curso polas mulleres e que terá lugar do 11 ao 14 de novembro na Sala Sonda Norte da Casa da Xuventude de Ribadeo.
Se che gusta a fotografía e che apetece mergullarte un pouco máis nese mundo, non dubides en anotarte entre o 25 e o 31 de outubro. O curso é gratuíto e as prazas son limitadas! Agardámoste!
Aquí está o programa detallado:
Sesión 1:
· Presentación
· Historia da fotografía:Abordarase a historia da fotografía analóxica e dixital e o significado cultural da fotografía coma arte.
· Fotógrafas que fixeron historia:Visibilizarase e darase a coñecer o traballo de numerosas fotógrafas de todas as partes do mundo e de diversos momentos históricos como Dorothea Lange, Anne Geddes, Alice Collard, Tina Modotti, Ouka Leele, Antonia Peña, Pepa Losada, Mónica Ferreirós, Olga Osorio…
· Formación da imaxe:Neste apartado abordaranse cuestións máis técnicas como a cámara escura, como se forma a imaxe, os elementos captadores (diafragma, obturador, visor e exposímetro), a sensibilidade…
Sesión 2:
· A cámara dixital: Farase fincapé na diferenza entre o analóxico e o dixital e se fará unha comparativa entre diferentes cámaras, explicando cuestións técnicas de cada unha delas.
· Toma fotográfica: Trataranse datos técnicos como a composición fotográfica, a regra dos terzos, volumes, formas e contrastes, desenfoques, profundidade de campo, movemento ou puntos de interese.
Sesión 3:
· Motivos fotográficos e como afrontalos: como fotografarretratos, deportes, natureza, arquitectura, etc.
· Publicacións: Analizaranse diversas publicacións e presentacións de imaxes en xornais, revistas, publicidade, etc.
· Mostra de libros de fotografía.
· Sesión práctica coa cámara.
Sesión 4:
· Ordenadores e fotografía: pequena sesión práctica de descarga de fotografías ao ordenador, sistemas de transferencia de imaxes, sistemas de almacenamento de imaxes, etc.
· Sesión práctica coa cámara.
Sesión 5:
· Sesión práctica coa cámara.
· Escolla das imaxes realizadas durante o curso para a exposición.
· Tratamento das imaxes: nivel básico con algún programa informático.
· Proxección das imaxes xa tratadas das alumnas e análise das mesmas.
· Clausura do curso.
Olladas de Muller é un proxecto do Observatorio da Mariña pola Igualdade e está financiado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.