Chegado outubro, toca renderlle homenaxe a Marica Campo na nosa campaña de visibilización e valoración das nosas escritoras Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento Do Val do Mao pero moi vinculada á nosa Mariña de Lugo, deixámosvos co seu texto para dito mes na Axenda Feminista 2013 sobre escritoras galegas

 

 

E aconteceu que as mulleres subiron ao autocar para emprenderen a viaxe; mais, cando cada unha delas procurou o asento que tiña reservado, comprobou que a súa praza estaba ocupada por unha sombra abrancazada, algo así como un ectoplasma de feitura masculina. Algunhas deixáronse posuír polo espectro até seren ventrílocuas desde as que falaba el con palabras que as traizoaban e facían servas da mesma tradición que as excluía. Outras, afoutas, déronse aos esconxuros até desbotaren a sombra usurpadora. Daquela, as primeiras foron simples turistas, a visitaren lugares coñecidos baixo as consignas do seu mentor. Pola contra, as segundas, entraron en terreos ignotos aos que lles deron nome e dos que se fixeron donas. Ficaron.  

 

Saben as donas do territorio de seu da imposibilidade de mediren o infinito. Saben o paradoxo do labirinto que é saída, o risco de construír a casa á beira do volcán, o prezo de romper o silencio cando o eco lles devolve a voz como unha daga; dor de daga ou escalpelo para se abrir o ventre, entrar no propio corpo e parirse a si mesmas, despois, para outra vida.

 

Saben; porén, non renuncian. A viaxe foi o regreso do exilio. Por iso cantan, Babilonia no recordo como unha cicatriz, cantigas novas que se chaman liberdade.

 

Marica Campo. 

Síguenos nas redes:

Share This