Este mes de agosto non nos esquecemos da nosa campaña Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento… de visibilización e valoración das nosas escritoras. Deixámosvos coa fermosa versión que Carmen Blanco, lucense de nacemento pero case mariñá de adopción, fixo para nós da letra que xa escribira do himno galego da Marcha Mundial das Mulleres “Marchando máis alá“. O noso, “Mariñas máis alá” 😉

Mariñas máis alá
Á Mariña mar mira montes todomira
mera masma asma augas liberadas
marabillas do mundo leitos
mamápapávaivenben…
Mulleres libres polo mundo mulleres libres partimos
Mariñas nadas no mar das illas dos mares libres vimos nós
Alicias Galicias libres con luces nos ollos libres imos
Cos corazóns collidos nas mans collidas das mans nós camiñamos
Pasos libres acompasados co paso dos parias trazamos
Pasamos nós polas cidades libres cidadás libres con vós
Mulleres libres polo mundo mulleres libres marchamos
Mariñas nadas no mar das illas dos mares libres somos nós
Vivas ventres vivos contra a violencia libres bailamos
Libres corpos libres polas carballeiras cantamos libres con vós
Labios libres con liberdade a auga nas fontes bebemos
Cruzamos nós territorios libres criaturas libres sen dor
Mulleres libres polo mundo mulleres libres andamos
Mariñas nadas no mar das illas mareas libres levamos nós
Sabias sentidas contra os poderes libres pensamos
Libres mentes libres razóns e alegría con elas nós actuamos
Pan e rosas para compartir partimos os soños cumprimos
Amamos nós polos espazos libres humanas libres fragor
Mulleres libres polo mundo mulleres libres chegamos
Mariñas nadas no mar das illas aos mares libres imos nós
Xustas valentes contra a escravitude libres loitamos
Libres seres libres con independencia vivimos libres con vós
Luz e lume propagadoras de paz o progreso traemos
Avanzamos nós polos lugares libres persoas libres clamor
(Versión mariña de “Marchando máis alá”
para o Observatorio da Mariña pola Igualdade)
Carmen Blanco


