No verán non nos esquecemos da nosa campaña Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…de difusión das nosas escritoras. Este mes de xullo acompáñanos a escritora compostelá María do Cebreiro. Deixámosvos coa foto e o texto que nos enviou para a Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas.

O que nós sufrimos está para alén das árbores.
Nin a música nos salva nin a terra nos condena.
Non hai estrela que o escoite nin fábula que o transmita.
Ningunha imaxe nos traduce.
Somos o coro sen a traxedia.
Somos a vida sen a morte. Non somos a morte.
Cando o sol sexa un círculo de lume.
Cando da nosa roupa non se desprendan fíos,
migas do noso prato, suor do noso esforzo.
Cando o universo comprenda que conseguiremos detelo
como unha detonación suspende o aire.
Cando a nosa sombra se estenda sobre a terra
igual que un tranvía de chuvia no deserto.
Pertencemos ao mundo como as dúas pezas que fan unha tesoura.
Pertencemos ao tempo como unha ovella á man que a corta até deixala espida.
Non somos a forza bruta nin as raíces.
Non somos nin a toupa nin o cóndor.
Somos o desamor, pero somos o sexo.
Somos a fame, pero somos o pan.
Non temos voz para que nola deades.
Non temos corpo para que o abracedes.
Ninguén rompeu os nosos soños porque nunca soñamos.
Ninguén pisou a nosa vida porque nunca tivemos chan.
Chamádeslle violencia á nosa paixón pola verdade.
Non hai ferida sen sangue, nin tempo sen historia.
Pero nós non petamos á porta do mundo para entrar.
Petamos á porta do mundo para que non durma.
María do Cebreiro


