Chega xuño e con el outra das citas anuais fixas do Observatorio da Mariña pola Igualdade, xa que  o III Músicas e Letras en Feminino xa ten data, hora e artistas confirmadas. Será o sábado 15 de xuño, ás 21.00h, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro. Queredes saber con quen contaremos este ano?

 

 

Pois si! A incombustible, auténtica  e grande María Xosé Silvar, SÉS,  presentará o seu segundo disco Co xenio destrozado que sae á venda días antes. Despois do éxito do seu primeiro disco, Admirando a condición, un proxecto 100% galego e 100% feminino, SÉS presenta desta volta Co xenio destrozadoun traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano. Para presentar este novo traballo contará cos seus músicos habituais nos directos:  Tito Calviño (guitarra), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo). Tedes aquí o novo videoclip!

 

 

Ademáis, tamén actuará Carmen Rodríguez, unha moza ribadense de 17 anos que nos sorprenderá con distintas propostas. E coma sempre, entre as actuacións musicais, rapazas dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte de Viveiro serán as encargadas de poñer vóz aos textos poéticos de autoras vinculadas á Mariña como Olalla Cociña, Luz Pozo Garza, Marica Campo, Carmen Blanco, Luísa Castro, Eva Moreda ou Ugía Pedreira

 

 

Como sabedes, o Músicas e Letras en feminino é un concerto que levamos organizando desde o 2011 (tedes aquí e aquí as referencias das outras dúas edicións) e que ten como obxectivo a promoción da creación artística das mulleres galegas, tanto a nivel profesional como a nivel amateur. 

 

A taquilla abrirase ás 19.30h e as portas do Teatro ás 20.30h. O prezo xeral da entrada será de 5 euros, 3 euros para estudantado.

 

Vémonos en Viveiro!.

Síguenos nas redes:

Share This