O Observatorio da Mariña pola Igualdade súmase, por segundo ano consecutivo, á festa dos sabores en Ribadeo. Ao igual que o ano pasado, o Observatorio aproveitará o Ribadeo de Tapeo 2013, que se celebrará entre o 10 e o 19 de maio, para facer unha campaña a prol da igualdade de xénero. Repartiránse 140.000 panos de mesa co lema desTAPA a igualdade entre os 55 bares participantes no concurso coa fin de que, durante os días que dura o Ribadeo de Tapeo, sexan utilizadas por toda a xente que se anime a degustar as distintas tapas.
 	
Este ano o Coco e a Coca de Ribadeo súmanse á festa gastronómica e fano para nos lembrar que agora é o momento de apostar sen complexos polo feminismo, de desTAPAr a igualdade, de rachar roles e estereotipos sexistas, de compartir os traballos do fogar, de combater a violencia machista… Porque o feminismo non é o contrario do machismo, e xa é hora de ir desterrando esa idea. Porque o feminismo é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home a muller mentres que o machismo é a ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre home e muller (definicións do Dicionario da Real Academia Galega)..
Convidámosvos, pois, a gozar do Ribadeo de Tapeo 2013 (podedes descargar aquí a app que hai dispoñible tanto para ios como para android e así non perdervos nada) e a desterrar o machismo e desTAPAr a igualdade, facela visible, compartila e gozala!. Estamos cert@s de que así gañaremos tod@s!
 
					

