O mes de maio da nosa campaña Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento… adicámosllo á Marilar Aleixandre, unha das nosas escritoras máis coñecidas e premiadas. Deixámosvos con Soñadoras, o reivindicativo e fermoso texto que nos enviou para a Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas.
 	
Continuaremos soñando en 2013. Seguiremos enfrontándonos ao medo, a pesar dos que queren atemorizarnos, manternos caladiñas. Soñaremos en 2013, pois non cremos que o noso destino estea cifrado nos números nin nas estrelas. Durante 2013 escribiremos os nosos propios destinos con tinta ou cuspe, cifrarémolos en números ou en contrasinais. Irmás da lúa, o trece é noso, o número de órbitas que percorrerá a lúa neste ano. Precisamos soñar con outro mundo, pois ninguén ha cambiar este para nosoutras. Outras soñadoras que viviron antes, Mary, Rosalía, Clara, imaxinaron unha vida distinta para as mulleres, escribiron os tempos futuros. A esas visións debemos estes anacos de igualdade. Nosoutras tamén seremos visionarias.
Resistiremos na ledicia de vivir: non nos arrebatarán a ledicia. Somos donas das terras e das augas, do bater das ondas, do bruar da Vaca de Fisterra, do canto dos grilos. Donas do noso corpo e do noso pensamento. Da nosa palabra, da nosa escrita. Resistindo e soñando cada día de 2013.
Marilar Aleixandre.
 
					

