Seguindo a nosa campaña 2013 Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento, de difusión e valoración das nosas escritoras, chegamos a abril, un mes moi especial para a nosa  homenaxeada Aurora Marco, que como sabedes non para de recuperar historias de mulleres, de darlles voz ás silenciadas, ás esquecidas, ás represaliadasDeixámosvos co marabilloso texto que nos enviou para a Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas

 

 

 

Escribir forma parte da miña vida. Síntoo como unha necesidade e como un compromiso coa Terra e coa lingua. Xa pasaron moitos anos desde que me debrucei sobre un papel en branco, na altura en que estudaba Filosofía e Letras en Compostela. Na miña xuventude escribín narrativa –e algún conto viu a luz– e nalgúns momentos da miña vida poesía, non para ser publicada. Mais o xénero en que mellor me sinto é o ensaio. Escribín sobre temas lingüísticos e literarios, sobre diferentes autoras e autores mais, desde hai anos, estou centrada en recuperar historias de vida de mulleres galegas –nomeadamente das represaliadas–, para deitar luz sobre o noso pasado, para visibilizar traxectorias femininas que marcaron os meus pasos e, moitas, ficaron gravadas a lume no meu corazón. Ao recuperar as súas biografías estou tamén recoñecéndolles autoridade, entendendo o termo como unha ollada de recoñecemento, como o pago dunha débeda simbólica coas predecesoras, con aquelas que me iluminaron co seu traballo, coas súas actitudes e valores, coas súas palabras de muller.

 

Isto de escribir ou falar sobre outras mulleres é un exercicio moi saudábel. Durante moito tempo fixérono por nós, fomos mulleres escritas, faladas. Continuar coa ruptura do estereotipo de muller silenciosa, que nos transmitiu a tradición patriarcal, é un medio de nos recoñecermos, de mostrarmos o noso mundo social propio, de presentarmos identidades de noso. E cómpre facérmolo nomeando o mundo tal como é, en masculino e en feminino.

 

Quero seguir escribindo. Quero seguir voando, por acudir a esa imaxe da escritora Hélène Cixous: Voar –di ela– é o xesto propio das mulleres que aprendEmos mil maneiras de pór en práctica esta arte e as súas variadas técnicas, encontrando cando o desexamos pasadizos angostos, segredos, entrecruzados. Xohana Torres ten un verso esclarecedor que enlaza con Cixous: “Liberdade e voo/ son a mesma palabra.”

 

Voar, navegar ­–a navegación tamén nos pertence (Xohana Torres dixit)– e regresar ao punto de partida, ás nais simbólicas, como lembrou a filósofa Luisa Muraro. Neste contexto hai un feito para termos presente: a existencia dunha voz poética auroral, a da poeta universal Rosalía de Castro. Eis o meu/o noso punto de partida, o que permite mirar o mundo doutra maneira e configurar a forma de estarmos nel

 

Aurora Marco 

Síguenos nas redes:

Share This