Inauguramos nova sección na nosa web con entrevistas ás escritoras que participaron na Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas. Desta volta con Begoña Caamaño, a nosa escritora do mes de marzo á que lle adicamos a campaña Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”. Mil grazas de novo, Begoña, polo teu tempo!.

 

 

 

OMI: Cal é o teu proceso de creación? Onde che gusta máis escribir? Como concibes cada libro e o desenvolves?

BC: É un proceso diverso. Recoñezo que non sigo ningunha metodoloxía estricta. Ás veces é unha idea longamente aloumiñada na cabeza durante anos a que vai tomando corpo…outra unha frase captada ao chou a que fai xermolar a idea… O que si é unha rutina é o estudo. Antes de sentarme a escribir o primerio borrador da novela procuro documentarme, ler moito sobre o tema e mesmo facer un esquema das personaxes…as súas características físicas e psicolóxicas máis relevantes para logo non caer en incoherencias.

Tomo moita nota en papel. En calquera lugar, nunha cafetería, mirando a tele, lendo un libro, na cama…Logo xa, no medio dunha maraña séntome diante do ordenador con certa constancia e disciplina. A miña primeira novela, “Circe ou o pracer do azul”, foi escrita case integramente nunha biblioteca, pois na casa  non me daba centrado. Na segunda foi ao contrario, pecheime na casa a escreber

 

OMI: Cal foi o libro que máis axiña escribiches e canto tempo tardaches?. Cal é a túa personaxe preferida

BC: Circe foi escrito de xeito case compulsivo. Levoume tempo a preparación, reler a Homero, documentarme sobre os costumes da época no vestir, no comer  e decidir o ton da escrita. Logo foi todo moi rápido. En tres meses estaba rematadaMorgana foi máis lenta…con mais atrancos, máis relecturas do texto xa escrito.

A miña personaxe preferida? Dos meus propios libros?  Non sei, é dificil a escolla. Penélope, Circe e Morgana por suposto, pero tamén Laertes, o pai de Ulises, ou o Felipe de Amancia que lle roubei a CunqueiroGosto moito de  Igraine (a nai de Morgana) refuxiándose no “non ser” e da Xenebra que  desfai con rabia e alegría o seu tapiz….Gosto do Merlín atormentado que se enfronta ás súas culpas….é dificil.

 

OMI: Como condiciona a escrita literaria na Galiza a realidade social, o feito de ser muller, de ser galegofalante…?

BC: Condiciona total e absolutamente. Aínda que sexa narrativa de ficción, eu escribo dende un eu real que se relaciona socialmente  e se posiciona política e eticamente na sociedade na que vive.  Os temas poden ser universais, pero a optica é diferente.  Se fose unha muller africana á que lle extirparon o clítore a miña visión do mundo mudaría e a miña escrita tamén. Igual pasaría se fose un home anglosaxónSer  muller e nacer en Galiza condiciona de seuescoller ser feminista e apostar pola nosa nación e a nosa lingua son decisións que están presentes, ou iso pretendo, en cada novelaEscribo dende un xénero excluido e dende unha lingua minorizada e asumo a responsabilidade que esa escolla conleva. Sentiríame culpable se as miñas personaxes e as miñas historias traizoasen os meus ideais. As miñas protagonistas non poderían ser mulleres submisas ou resignadas;  as relacións que defendo non poderían ser convencionais nen seguir o modelo patriarcal. Do mesmo xeito non podería escribir noutro idioma que non fose o meu, sería traizoar o país e traizoarme a min propia.  Que dúbida cabe de que se algún día a miña obra é traducida e podo ser lida por xente que fala outros idiomas sería un motivo de satisfacción. Pero para min é moito máis importante  contribuir, aínda que for modestamente,  a consolidarnosa literatura e o noso idioma.

 

OMI: Que papel pode xogar hoxe a cultura escrita, e a creación literaria, en relación á sociedade e ás transformacións sociais que defendemos desde o feminismo?

BC: A literatura, a cultura en xeral, non poden ser alleas ás reivindicacións feministas. A estas alturas ás escritoras que escribimos dende a perspectiva de xénero seguimos a ser clasificadas e reducidas a unha cuadrícula ..-chámese literatura de múlleres, literatura para mulleres ou literatura feminista…- isto non acontece cos homes.  Poden escribir unha obra inxente onde os seus protagonistas sexan sempre masculinos que ninguén lles vai dicir que fan “literatura de homes” ou literatura para homes”, se cadra porque, no seu concepto patriarcal sería redundante xa que a literatura, a de verdade, a importante  segue a ser cousa de homes. Mesmo poden seguir a propoñer tramas rancias e incluso misoxinas que xamais se falará de escritores machistas nin patriarcais. Eles son a norma, nós a escepción. Seguimos sendo “o outro” , “o diferente”, sempre estranxeiras aínda que sexa na nosa terra, sempre coa dificultade de escribir en “lingua allea”  aínda que sexa a nosa lingua. Afortunadamente, cada vez son máis as mulleres conscientes  da necesidade de escribir dende a perspectiva de xénero. E subliño o de conscientes porque a perspectiva esta . Os escritores homes tamén teñen esa perspectiva de xénero, do seu, claro. O bon das feministas é que o dicimos abertamente, non existe a neutralidade, tampouco na literatura, ou defendes o patriarcado ou loitas contra del. Non é posible “pasar”, pretender “non tomar partido”  é unha falacia…é tomar partido polo poder, polo status quo…claro  que a quen quere crebar o establecido se lle sinala e estigmatizaAlgo que me está a gostar moito nestes momentos é a existencia dunha certa sororidade entre as mulleres escritoras. Sempre hai escepcións, claro, e quen pon o seu trunfo persoal por riba de todo, pero eu estou a percibir unha certa corrente de simpatía entre as escritoras galegas, un saber que “somos todas ou ningunha” coma no resto da vida, e que cantas máis sexamos mellor. Neste sentido celebro a creación de “Sega”, un blog de crítica feminista. Temos no país excelentes críticas literarias, pero moi invisibilizadas…de feito case ningunha tiña un blog propio de crítica…pola contra case todos os críticos teñen o seu. O feito de que apareza ese blog e que sexa un proxecto colectivo, vai na liña do que apuntabamos antes…a sororidade, a rede, a creación en común …..virtudes propias do femismo fronte á defensa a ultranza das individualidades, das figuras, dos “pais”. Nós queemos un país, unha sociedade e un mundo en rede e colectivo, lonxe do sistema piramidal xerarquizado.

 

OMI:Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle tiveron unha acollida excelente por parte do público. Estás a traballar nalgún outro proxecto?

BC: Ándanme varias  ideas pola cabeza, algunhas máis avanzadas ca outras, pero é demasiado pronto aínda para consideralas proxectos seriosEstiven 40 anos sen escribir nada e  podo perfectamente volver a estalo. Non sinto a necesidade de publicar. O que quero é ser honesta comigo e co público lector.  Tentar aportar algo novo e digno en cada obra.

 

OMI: Logo do éxito no xénero narrativo, tes en mente estrearte nalgún outro xénero literario?

BC: A verdade é que non. Non me considero capacitada para a poesía e, de momento, as ideas que me veñen a cabeza véxoas narradas coma novelas ou contos, non como obras teatrais.  Son as miñas limitacións

 

OMI: Que le Begoña Caamaño? Recoméndanos autoras e autores ás persoas do Observatorio.

BC: Leo de todo. Hai pouco sofrin unha convulsión na miña vida que me impedía concentrarme na lectura e me refuxiei na novela negra máis tradicional . Estiven meses relendo a Agatha Christie e a Anne Perry e a verdade é que desfrutei. Por certo, creo que deberían ser máis traducidas ao galego. Ana Romani é unha poeta fundamental na literatura galega e canda ela Chus Pato, e Xiana Arias, Andrea Nunes e María Rosendo entre as máis novas.  “Futuro imperfecto” de Xulia Alonso é un dos libros que máis fortemente me levan conmovido.  Agora estou lendo a narrativa de Rosalía e veño de namorar dunha escritora estadounidenseSiri Hustvedt. Desafortunadamente non hai aínda nada dela traducida ao galego“Todo Cuanto amé” ou “La mujer temblorosa” son dúas obras fascinantes.  O seu marido, Paul auster, tamén me gusta. Recomedo ler ás clásicas, galegas e estranxeiras: As irmas Bronte, Jane Austen e, como non,  Emily Dickinson, Maria Xosé Queizan, Marilar Alexandre…E de ensaio: Reacción,de Susan Faludi, segue a ser un texto de enorme vixencia para o feminismo como Marilin French, Elizabet Badinter ou Rosi Bradotti. Pero o fundamental é ler, e ler en galego a poder ser. Encantaríame ser quen de ler a cada autor e autora en versión orixinal, pero como as miñas capacidades non chegan a tanto sería inmensamente feliz se puidese ler en galego todo o que teño que ler traducido ao español.

Síguenos nas redes:

Share This