Como xa sabedes, este ano para conmemorar o noso quinto aniversario de andaina feminista na Mariña e o Día Internacional das Mulleres escollemos o lema “Compatindo loitas coas traballadoras do fogar. 5 anos na defensa da igualdade” e organizamos outro acto informativo, o pasado sábado 9 de marzo na Casa das Letras de Ribadeo, da man da avogada laboralista Mar García Pombo, que se encargou de exlicarnos a situación deste colectivo e deu a coñecer as novas modificacións lexislativas que entrarán en vigor o próximo 1 de abril. Unha charla moi interesante na que quedou patente, de novo, que @s traballador@s do fogar aínda non teñen plenos dereitos ao non estar o colectivo incorporado ao Réxime Xeral de Traballador@s e que aínda queda moito que loitar.

Deixámosvos un pequeno resumo das novas modificacións que se comentaron na charla e que entrarán en vigor en poucos días, o próximo 1 de abril:
– No caso das traballadoras que prestan servizos de menos de 60 horas mensuais, a partir do 1 de abril do 2013, e se as dúas partes están de acordo, a responsabilidade de alta e baixa na Seguridade Social pode trasladarse á traballadora. Neste caso será a traballadora a responsable de ingresar toda a cotización, pero a parte empregadora ten a obriga de entregarlle á traballadora cada mes, xunto co salario, a cota da seguridade social a cargo da parte empregadora.
– A táboa de cotización das traballadoras con xornada inferior ás 60 horas mensuais cando exista acordo de traspado da obriga de cotizar é:
| TRAMO | SOLDO MENSUAL CON PRORRATA DE PAGAS | BASE DE COTIZACIÓN | COTA A CARGO DA PARTE EMPREGADORA | COTA A CARGO DA TRABALLADORA |
| 1 | Até 172.05 | 147.86 | 35.49 | 5.69 |
| 2 | Desde 172.06 até 268.80 | 244.62 | 58.71 | 9.42 |
| 3 | Desde 268.81 até 365.60 | 341.40 | 81.94 | 13.14 |
| 4 | Desde 365.61 até 462.40 | 438.17 | 105.16 | 16.87 |
| 5 | Desde 462.41 até 559.10 | 534.95 | 128.29 | 20.59 |
| 6 | Desde 559.11 até 655.90 | 631.73 | 151.61 | 24.32 |
– A parte empregadora dunha persoa que traballa menos de 60 horas mensuais pode darlle de alta e cotizar. Non está obrigad@ a pasarlle a responsabilidade da alta e cotización á traballadora.
– A parte empregadora que contrate 60 horas mensuais ou máis está sempre obrigada a darlle de alta e cotizar pola parte traballadora, independentemente de cal sexa a xornada que esta teña noutros domicilios.


