E coa chegada de marzo, un mes tan sinalado no calendario feminista, continuamos coa nosa campaña Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…” e lle adicamos o mes da primavera á marabillosa Begoña Caamaño, a mesma que nos fixo soñar con Circe, PenélopeMorgana. Deixámosvos co reivindicativo texto  e a foto que nos enviou para a Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas.

 

 

 

 

Pensar: Non; dicir: Non; escribir: Non

 

Educadas na submisión e no consentimento perpetuo. Obrigadas a dicir sempre si; a sermos como se esperaba que fósemos, como se quería que foramos… as mulleres aprendemos dende moi cedo a calar e asentir, a non dicir e non facer aquilo que nos afastaba da norma, a reprimir e mesmo avergoñármonos de pensamentos e sentires que nos convertían en “malas”, porque a bondade era, é, obedecer.

 

Afortunadamente sempre houbo transgresoras, mulleres insubmisas e rebeldes que se atreveron un día a dicir NON: na casa, na cama, na rúa, na fábrica, tamén na escrita.

 

Escribir cura as miñas dores. Libérame dos meus medos, escorrenta as pantasmas que me atormentan. Escribir permíteme crear espazos de xustiza e liberdade máis semellantes ao mundo no que desexaría vivir. Pero, como muller feminista, escribir non é tan unha opción individual . Escribir forma parte tamén do compromiso colectivo coas mulleres que loitan en diferentes frontes. Escribir é unha homenaxe as mulleres que me abriron camiño, aquelas que dixeron NON, moitas veces a costa da súa vida. Pero, sobre todo, escribir é unha obriga con todas aquelas outras que aínda non descubriron a palabra que nos fai libres e fortes, aquelas que aínda non saben a grande revolución que se desencadea cada vez que alzan a voz e da súa boca sae un simples NON.

 

Begoña Caamaño.

Síguenos nas redes:

Share This