Seguimos coa nosa campañaLibre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…” e lle adicamos o mes de febreiro a María Xosé Queizán, unha gran escritora que abarca múltiples xéneros na súa obra (narrativa, ensaio, poesía, infantil e xuvenil, teatro, guión cinematográfico, tradución…) e unha histórica do feminismo galego. Deixámosvos co fermoso texto e a foto que nos enviou para a nosa Axenda Feminista 2013 sobre Escritoras Galegas.

 

 

PENÉLOPE, “a que non se move”.

Penélope, a constante, tece tedio e fidelidade.

Agarda no fogar o regreso das naves de Ulises,

paradigma de aventuras e viaxes.

 

Astros e mares; terra e animais, a vida é movemento.

 

As penépoles privadas afánanse en labores sen valor.

Consumen a existencia coma se non fose súa.

Desde a súa caverna platónica enxergan fascinadas

o ímpeto dos homes libres, os logros, e artificios.

 

Elas, varadas, son naves desarboradas sen navegación.

Envoltas para regalo, calzadas co símbolo sexual,

atavíanse para a gadaña doméstica e trivial.

 

Penélope!, terma da onda, céibate da inercia, da morte!

 

 

María Xosé Queizán

Síguenos nas redes:

Share This