Rematamos o ano 2012, e con el a nosa campaña de visibilización das nosas músicas Daquelas que cantan, coas Batuko Tabanka. Deixámosvos co texto e a foto que nos enviaron para a nosa Axenda Feminista 2012!.  Bo final de ano e mellor comezo do 2013, do que xa tedes dispoñible a nosa Axenda Feminista 2013, desta volta coas nosas escritoras!

 

 

 

Batuko Tabanka é a forza da cultura africana catalizada a través das gorxas e a percusión ancestral das mulleres caboverdianas. Afincadas desde hai máis de 30 anos na Mariña de Lugo, salsean a diversidade cultural desde o medio do Atlántico.

 

Actúan sempre dispostas en abano, batendo con furia e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas: o batuko, un simple trapo ás veces recuberto por un plástico, e colocado entre as pernas para que faga resonancia. De vez en cando, durante o espectáculo, unha delas sae ao centro, amarrando unha camisa, ou o pano tradicional, á cintura, e baila amosando toda a forza da danza africana.

 

O seu espectáculo conxuga cantos e coros, o son percutido do batuko e a pureza e expresividade da danza africana, que transmiten nun contaxioso torrente de enerxía positiva.

 

Foron as protagonistas do documental Cabo Verde Sabi!!! e sacaron xa dous discos, un gravado entre Cabo Verde e Galiza, Djunta Mô, con colaboracións de artistas e estilos das dúas beiras, e outro gravado en Lisboa, celebrando a súa xenuína orixe caboverdiana.

 

                                                                                                                                                                                                                                                                  Batuko Tabanka

Síguenos nas redes:

Share This