E chegamos á terceira película deste IV Video-forum Mulleres no Mundo! Este xoves 22 de novembro é o turno de Fuego (Canadá/India), da directora Deepa Mehta, ás 19.00h no salón de actos da UNED, no IES de Foz.

Fuego é a primeira obra da coñecida triloxía Elementos de Mehta (Fuego,1996; Tierra, 1998; e Agua, 2005), da que por certo na segunda edición do Video-forum Mulleres no Mundo, no 2010, xa proxectamos Agua (2005).
A película está lixeramente baseada na historia de 1941 Lihaf (La Manta), de Ismat Chugtai. Trátase da primeira película india que mostra de forma explícita relacións homosexuais. Tras o seu estreno na India, en 1998, grupos hindús de dereitas realizaron diversas protestas violentas, provocando unha oleada de diálogo público sobre temas como a liberdade de expresión e a homosexualidade.
Sinopse: Ashok leva casado 15 anos con Rahda, que é a que leva o peso do negocio familiar e é a alma da casa. Con eles viven a nai e o irmán do marido en aparente harmonía. Pero a entrada no clan de Sita, a moza esposa do seu cuñado, revolucionará o entorno de Rahda.
Recordade que toda a actividade é gratuíta e que, ao igual que co resto das películas, o Observatorio repartirá cafés e chocolates quentes con pastas ás persoas que o desexen. Agardámosvos!!


