Cada vez está máis preto o final deste 2012, no que adicamos cada mes a unha das nosas músicas na campaña Daquelas que Cantan. Queremos deixarvos neste frío mes de novembro co fermosísimo texto que Sonia Lebedynski escribiu para a nosa Axenda Feminista 2012!

 

 

 

As cantoras levamos connosco a forza da palabra, esa que tomamos prestada de tantas que nos precederon; voces anegadas, silenciadas no tempo que permanecen na memoria colectiva de todas nós.

 

Mulleres doutra hora que berraron incesantemente e foron construíndo espazos de resistencia, espazos cheos de significado que contrastaban co silencio imperante na sociedade, son hoxe as que nos inspiran e nos alentan nesta viaxe de ida e volta.

 

Rosalía de Castro, Olimpia de Gouges, Mary Wollstoneecraft, Simone de Beauvoir, Kate Millet… son tantas as mulleres sol! Sexamos impertinentes, cuestionemos a orde mundial que estableceron para nós sen contar coa nosa voz. Sexamos libres e donas do noso destino.

 

Existe un gran desequilibrio entre o feminino e o masculino e temos que ser nós as que cuestionemos e modifiquemos os clixés establecidos.

 

A loita de tantas mulleres que non quixeron conformarse segue en pé, e é que as mulleres somos emprendedoras. Fomos conquistando dereitos e alzando cada vez máis a nosa voz co noso esforzo e coa fe de crer naquilo que ansiamos.

 

As que navegamos polos mares das artes somos quen de continuar coa estela emprendida por tantas mulleres sabias, agradecidas sempre polo seu bo facer e mellor pensar. Mulleres valentes que sen dubidalo un día quixeron seguir a súa propia ruta, mulleres que quixeron interpretar as cartas mariñas doutro xeito, mulleres que foron trazando novos rumbos porque crían no seu saber.

 

Quédannos aínda moitas millas que marear, a nosa flota aínda non é todo o forte que debera, pero podemos chegar máis lonxe. Podemos e debemos, porque no seu día os barcos Olimpia, o Mary, o Kate ou o Simone foron botados ao mar bautizados con botellas de vinagre e na máis escura das noites. 

 

                                                                                                                                                                                                                                                                                            Sonia Lebedynski

Síguenos nas redes:

Share This