O Observatorio da Mariña pola Igualdade comeza unha campaña informativa sobre a nova lexislación que atinxe ao réxime das traballadoras do fogar e que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, cun prazo de adaptación de seis meses. O obxectivo principal é poñer de relevancia a importancia do traballo do fogar, unha profesión totalmente feminizada (98.2% de mulleres traballadoras do fogar segundo cifras oficiais), desprestixiada e precaria, e informar sobre os novos cambios lexislativos.

 

 

 

Até o de agora, as empregadas do fogar estaban sometidas a un Réxime Especial que se rexía polo R.D 1424/1985 e no que, por exemplo, só era obrigatorio para a persoa empregadora asegurar á traballadora a partir das 20 horas semanais de traballo e en caso de baixa laboral non comezaban a cobrar até o día 29. Coa lexislación actual, rexida polo R.D 1620/2011, as empregadas pasan a incorporarse ao Réxime Xeral como un sistema especial e, polo tanto, todas as traballadoras do fogar deben de estar dadas de alta na Seguridade Social para ter así a súa situación regularizada, recaendo esta responsabilidade sobre a parte empregadora.

 

A nova regulación, a pesar de que segue a ter lagunas importantes como non recoñecer a prestación por desemprego,  ten unha serie de vantaxes sobre as empregadas do fogar como o dereito á cotización á Seguridade Social; dereito á pensión de invalidez, xubilación, viuvez e orfandade; en caso de accidente de traballo cobro salarial dun 75% da base diaria de cotización do mes anterior á baixa; cobro salarial en caso de baixa por enfermidade; vacacións retribuídas anuais de 30 días, etc.

 

Para as persoas empregadoras, pola súa parte, durante os anos 2012, 2013 e 2014 aplicarase unha redución do 20% ás cotizacións devengadas pola contratación de persoas que presten servizos no fogar familiar e queden incorporadas a este sistema especial, sempre que a obriga de cotizar se iniciara a partir do 1 de xaneiro do 2012. A redución do 20% ampliarase cunha bonificación até chegar ao 45% para as familias numerosas.

 

Toda esta información poderase atopar nos libriños que o Observatorio da Mariña pola Igualdade repartirá na Seguridade Social, no INEM, nos centros de saúde, nas Casas do Concello, panaderías, farmacias, etc. das distintas vilas da Mariña.Quen o desexe tamén pode descargar da nosa web o libriño informativo en formato pdf facendo click aquí

 

Ademais o Observatorio a disposición de quen o desexe, a través da web, diversos modelos de contrato (para traballadoras internas ou externas, a tempo parcial ou completo) e modelos de nómina (para traballadoras que cobran por horas ou mensualmente) que se poden descargar aquí.

Síguenos nas redes:

Share This