O pasado venres día  9 de marzo o Observatorio participou en Lugo, no local A Cova da Terra, nunha mesa redonda organizada pola Asamblea de Mulleres de Galiza Nova – sobre a lei de familia e a re-penalización do aborto. Luísa González, avogada e presidenta do Observatorio,  e Loli García Docobo, enfemeira e vogal do Observatorio, foron as encargadas de poñer sobre a mesa os recortes que se están a facer en políticas sociais e sanitarias e que afectan, directamente, ás mulleres

 

 

En palabras de Luísa, Dende o Observatorio consideramos que o goberno galego máis que centrarse en intentar impedir o aborto debera preocuparse por ofrecer unhas condicións sociais e económicas para que as mulleres e os homes poidan ter fill@s. Deberían axudar con medidas como reapertura das escolas do rural, cos horarios dos centros de ensino adaptados aos horarios laborais, coa apertura de novas escolas infantís, con novos centros de día, coa promoción da corresponsabilidade, etc.”

 

A Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reproductiva e da interrupción voluntaria do embarazo, que despenalizaba o aborto, quere ser derogada polo actual goberno e se fala de volver aos termos da lei do ano 85, onde só se recoñecía o aborto en tres supostos (se existía un risco grave para a muller, no caso de violación e se había malformacións físicas ou psíquicas no feto). Tal e como indicou Loli na mesa redonda, hai estudos que demostran que a leis máis permisivas se realizan un menor número de abortos. Pola contra, a leis máis restritivas o número de abortos é maior e existe un maior número de mortes de mulleres. Isto demostra que se un goberno quere reducir o número de abortos e o risco para as mulleres en idade reproductiva, non debería prohibilos e debería apostar máis pola educación sexual. 

 

Respecto á lei de familia, o único que se consegue coa aprobación desta lei é un recorte dos dereitos das mulleres, relegándoas de novo aos roles tradicionais de nais e coidadoras. Conséguese, por unha banda, un aforro ao estado do benestar xa que as mulleres volven a ocuparse das tarefas básicas de subsistencia aforrandolle moitos cartos ao Estado e, á vez, deixan de ser un número máis nas listas do paro. Deste xeito tense controladas ás mulleres, o seu corpo e a súa vida afectivo-sexual. 

 

 

Síguenos nas redes:

Share This