O próximo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Observatorio da Mariña pola Igualdade celebra o seu cuarto aniversario de andaina feminista pola Mariña. Para conmemorar este cuarto aniversario e o Día Internacional das Mulleres quixemos render unha homenaxe ao traballo das mulleres mariscadoras de Rinlo. O seu é un traballo duro, con riscos e sen horarios, que moitas veces non se valora o suficiente. Un traballo co que as mulleres rinlegas contribuíron durante décadas ao benestar das súas familias e do seu pobo. Para esta pequena homenaxe, que terá lugar o próximo sábado 10 de marzo ás 18.00h na Escola de Rinlo, contaremos con:
– Adela Figueroa, escritora que lles adicará un texto e que se encargará de facer un pequeno recital poético
– Celsa Sánchez, ilustradora que agasallará ás mariscadoras cunha das súas obras
– Pilocha, música que se encargará da parte musical do acto cantando un par de pezas
Ademáis, ao remate do acto haberá un pequeno petisco para as persoas asistentes.

Sinalar tamén que, enmarcados neste cuarto aniversario e no Día Internacional das Mulleres, o Observatorio participará tamén o próximo venres 9, ás 20.00h no local “A cova da terra” de Lugo, nunha mesa redonda sobre a lei de familia e a re-penalización do aborto. E o domingo 11, dentro da campaña nacional do 8 de marzo “Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos“, na manifestación nacional convocada para ás 12.00h en Compostela (que sairá da estación de tren até a praza da Quintana).
Nestes catro anos dende o Observatorio leváronse a cabo numerosas actividades nas distintas localidades da Mariña, sempre pensadas a prol da igualdade entre mulleres e homes. Charlas-café desde un punto de vista de xénero sobre temas de actualidade como a crise económica, a prostituación, a educación, os deportes, a linguaxe, a saúde, etc; video-forums para coñecer a realidade doutras mulleres do mundo e para visibilizar o traballo das directoras de cinema; campañas e proxectos polos IES da Mariña para previr a violencia de xénero no alumnado de secundaria; cursos de fotografía dixital para fomentar o empoderamento das mulleres e mostrar as súas olladas; a investigación e posterior publicación do estudo sobre as actitudes de xénero no alumnado e profesorado de secundaria da Mariña de Lugo; a escola de formación feminista Corona González; o outono feminista coas mulleres referentes do país nos diferentes ámbitos culturais (letras, música e audiovisual); o concerto Músicas e Letras en feminino para valorar e visibilizar ás artistas da zona; diverasas campañas informativas (aborto, traballadoras do fogar, etc); denuncias públicas, etc. Un traballo ás veces dificil pero moi gratificante que nos dá azos para seguir a loitar por unha sociedade máis xusta cunha igualdade real entre mulleres e homes. Grazas por estar con nós, por apoiarnos estes catro anos!!


